Malestar entre os veciños de Barro polo soterramento dunha liña de alta tensión entre as casas

LOGO PONTEVEDRA VIVA BARRO

O tendido dunha nova rede de alta tensión polo Camiño Portugués entre as vivendas de Valbón, no concello de Barro, motivou que os veciños do devandito lugar se reunisen de urxencia o pasado venres pola noite.

Os veciños alegarán contra esta infraestrutura por realizarse sobre o trazado do Camiño Portugués, provocar danos nas súas traídas veciñais de auga e dificultar o tránsito pola zona ao igual que fixeron no ano 2011 cando estes mesmos veciños formularan alegacións ao proxecto redactado pola Deputación de Pontevedra para abastecer o polígono de Barro Meis dende unha torre de alta tensión existente entre en Valbón, á altura de San Antoniño.

Alarmados porque o novo tendido discorrería enterrado entre as súas vivendas, sobre a traza do Camiño de Santiago, naquel entón remitiron á Consellería de Industria un escrito no que solicitaban que o devandito tendido fose desviado pola parte exterior do núcleo de casas, por vías abertas pola concentración parceira cuxa existencia non se recollía na cartografía do proxecto.

Segundo informaron os propios veciños, tras catro anos sen noticias das súas alegacións, esta semana foron advertidos de que as obras se iniciaran no Polígono e avanzaban cara a Valbón dende o núcleo de Güimil (onde o tendido si foi desviado respecto ao proxecto inicial), e onde ademais as máquinas rebentaron varias mangueiras de abastecemento de auga procedentes dos mananciais do Monte de Güimil, das que se surten os veciños de Valbón que non teñen pozo.

O tendido discorre enterrado nunha gabia formigonada, cuxa execución require do uso de maquinaria pesada e que en Valbón dificultará inevitablemente o tránsito cotiá dos veciños e peregrinos que diariamente atravesan o lugar camiño de Caldas.

A pesar de lindar co chan urbano de San Antoniño, as casas de Valbón non dispoñen aínda dos servizos urbanísticos mínimos. Os veciños non comprenden que se fixese investimento para dotar de canalizacións a dous polígonos residenciais que permanecen abandonados (e en cuxos soares se celebra a feira dominical), mentres que nos núcleos pegados a eles, nos que non hai unha soa vivenda baleira, adoecen dunha falta absoluta de servizos.

Para a súa sorpresa, ao visitar o Concello o día 19 para pedir explicacións, encontráronse con que o proxecto modificado do tendido estaba en exposición pública dende o día 26 de febreiro sen que ninguén lles tivese advertido de que existía un novo prazo para presentar alegacións; prazo que remataba o sábado, día 21.

Pero a súa sorpresa foi aínda maior cando revisaron o expediente e descubriron que Patrimonio condicionaba a viabilidade do tendido polo Camiño de Santiago á xustificación da non existencia doutra alternativa, que era, precisamente, o que estes mesmos veciños alegaron no ano 2011.

Por iso convocaron unha reunión urxente o venres pola noite na que decidiron por unanimidade presentar novamente alegacións, incidindo precisamente na existencia de alternativas ao trazado, cuxa corrección sería viable cunha modificación de presuposto de apenas un 2% sobre a totalidade da obra.

Os veciños queren deixar claro que non se opoñen de ningún modo ao abastecemento, posto que comprenden que, a falta doutros investimentos estratéxicos, do Polígono de Barro-Meis depende en gran xeito o desenvolvemento futuro de Barro. Por iso aspiran a obter finalmente a comprensión dos responsables da desacertada idea de afectar as súas vivendas cunha liña de alta tensión, cuxa única xustificación radicaría no manexo dunha cartografía deficiente e nun descoñecemento total da realidade física do lugar.

Aproveitando que se van acometer obras de apoio e soterramento, reclaman ademais que se enterre o tramo de 300 metros de tendido aéreo de alta tensión existente actualmente sobre os terreos do núcleo destinados asentamento residencial por supoñer un evidente risco para a saúde dos seus habitantes, ademais dunha contradición coas previsións do plan urbanístico aprobado polo propio Concello.

A pesar de ser un dos lugares de Barro polos que transcorre o Camiño Portugués, en Valbón continúan esperando melloras na seguridade vial e na sinalización, toda vez que o Concello acaba de aprobar a modificación puntual nº2 do PXOM, na que se prevé a desviación do tráfico de San Antoniño a través deste núcleo coa próxima apertura de dúas novas avenidas que desembocarán nel, intensificando notablemente o tránsito de vehículos polo trazado do Camiño.

http://pontevedraviva.com/xeral/18831/malestar-entre-vecinos-barro-linea-alta-tension-entre-casas/

tension en barro

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s