Malestar entre os veciños de Barro polo soterramento dunha liña de alta tensión entre as casas

LOGO PONTEVEDRA VIVA BARRO

O tendido dunha nova rede de alta tensión polo Camiño Portugués entre as vivendas de Valbón, no concello de Barro, motivou que os veciños do devandito lugar se reunisen de urxencia o pasado venres pola noite.

Os veciños alegarán contra esta infraestrutura por realizarse sobre o trazado do Camiño Portugués, provocar danos nas súas traídas veciñais de auga e dificultar o tránsito pola zona ao igual que fixeron no ano 2011 cando estes mesmos veciños formularan alegacións ao proxecto redactado pola Deputación de Pontevedra para abastecer o polígono de Barro Meis dende unha torre de alta tensión existente entre en Valbón, á altura de San Antoniño.

Alarmados porque o novo tendido discorrería enterrado entre as súas vivendas, sobre a traza do Camiño de Santiago, naquel entón remitiron á Consellería de Industria un escrito no que solicitaban que o devandito tendido fose desviado pola parte exterior do núcleo de casas, por vías abertas pola concentración parceira cuxa existencia non se recollía na cartografía do proxecto.

Segundo informaron os propios veciños, tras catro anos sen noticias das súas alegacións, esta semana foron advertidos de que as obras se iniciaran no Polígono e avanzaban cara a Valbón dende o núcleo de Güimil (onde o tendido si foi desviado respecto ao proxecto inicial), e onde ademais as máquinas rebentaron varias mangueiras de abastecemento de auga procedentes dos mananciais do Monte de Güimil, das que se surten os veciños de Valbón que non teñen pozo.

O tendido discorre enterrado nunha gabia formigonada, cuxa execución require do uso de maquinaria pesada e que en Valbón dificultará inevitablemente o tránsito cotiá dos veciños e peregrinos que diariamente atravesan o lugar camiño de Caldas.

A pesar de lindar co chan urbano de San Antoniño, as casas de Valbón non dispoñen aínda dos servizos urbanísticos mínimos. Os veciños non comprenden que se fixese investimento para dotar de canalizacións a dous polígonos residenciais que permanecen abandonados (e en cuxos soares se celebra a feira dominical), mentres que nos núcleos pegados a eles, nos que non hai unha soa vivenda baleira, adoecen dunha falta absoluta de servizos.

Para a súa sorpresa, ao visitar o Concello o día 19 para pedir explicacións, encontráronse con que o proxecto modificado do tendido estaba en exposición pública dende o día 26 de febreiro sen que ninguén lles tivese advertido de que existía un novo prazo para presentar alegacións; prazo que remataba o sábado, día 21.

Pero a súa sorpresa foi aínda maior cando revisaron o expediente e descubriron que Patrimonio condicionaba a viabilidade do tendido polo Camiño de Santiago á xustificación da non existencia doutra alternativa, que era, precisamente, o que estes mesmos veciños alegaron no ano 2011.

Por iso convocaron unha reunión urxente o venres pola noite na que decidiron por unanimidade presentar novamente alegacións, incidindo precisamente na existencia de alternativas ao trazado, cuxa corrección sería viable cunha modificación de presuposto de apenas un 2% sobre a totalidade da obra.

Os veciños queren deixar claro que non se opoñen de ningún modo ao abastecemento, posto que comprenden que, a falta doutros investimentos estratéxicos, do Polígono de Barro-Meis depende en gran xeito o desenvolvemento futuro de Barro. Por iso aspiran a obter finalmente a comprensión dos responsables da desacertada idea de afectar as súas vivendas cunha liña de alta tensión, cuxa única xustificación radicaría no manexo dunha cartografía deficiente e nun descoñecemento total da realidade física do lugar.

Aproveitando que se van acometer obras de apoio e soterramento, reclaman ademais que se enterre o tramo de 300 metros de tendido aéreo de alta tensión existente actualmente sobre os terreos do núcleo destinados asentamento residencial por supoñer un evidente risco para a saúde dos seus habitantes, ademais dunha contradición coas previsións do plan urbanístico aprobado polo propio Concello.

A pesar de ser un dos lugares de Barro polos que transcorre o Camiño Portugués, en Valbón continúan esperando melloras na seguridade vial e na sinalización, toda vez que o Concello acaba de aprobar a modificación puntual nº2 do PXOM, na que se prevé a desviación do tráfico de San Antoniño a través deste núcleo coa próxima apertura de dúas novas avenidas que desembocarán nel, intensificando notablemente o tránsito de vehículos polo trazado do Camiño.

http://pontevedraviva.com/xeral/18831/malestar-entre-vecinos-barro-linea-alta-tension-entre-casas/

tension en barro

As parroquias do Castrove queren a planta de biomasa que Meis rexeita

ANXO MARTÍNEZ – MEIS Os directivos de tres comunidades de montes do Castrove estarían dispostos a aceptar a planta de biomasa á que se opoñen os veciños de San Lourenzo de Nogueira, en Meis.
Antonino Martínez, de Armenteira, Claudio Quintillán, de Rega dous Agros (Combarro, Poio), e Celso Sánchez, de Campañó (Pontevedra) aseguran a título particular que a planta de biomasa é necesaria e que estarían dispostos a aceptala nas súas parroquias. Iso si, aclaran que se trata de opinións particulares, que terían que ser referendadas pola maioría dos comuneiros nunha asemblea.
Sexa como for, o sentir da maior parte de comunidades de montes da área é que a planta é necesaria, e de feito é un dos puntos que figuran na orde do día da reunión que os directivos da Mancomunidade do Castrove celebran esta tarde en Curro (Barro).
O representantes de Combarro e presidente da mancomunidade, Claudio Quintillán, sostén que “a planta debe vir para a zona de Ou Castrove. O que hai que facer é vixiala, e asegurarse de que o proxecto non se poida modificar nun futuro”. É máis, Quintillán lembra que a mediados da década pasada as 14 comunidades de montes do sur do Salnés e da franxa de Castrove que dá á ría de Pontevedra celebraron unha asemblea na que se acordou por unanimidade a necesidade de dispor dunha industria destas características na comarca.
Tamén votaron a favor os representantes de San Lourenzo, aínda que naquel momento aínda non se sabía en que lugar íase a situar a factoría. “Na reunión de mañá (por hoxe) imos falar da planta de biomasa, porque se a Mancomunidade estivo no seu día de acordo con que viñese para aquí agora temos que analizar a situación”. Ademais, agrega Quintillán, “tras os incendios de 2006 os montes de Castrove teñen un exceso tan grande de biomasa que o custo do traslado sería inasumible tanto para os particulares como para as comunidades”.
Entre tanto, Antonino Martínez, de Armenteira (Meis), expón que “nós a veriamos ben, e creo que calquera comunidade de Castrove aceptaríaa. A planta xera empregos, ingresos económicos polo aluguer e axudará a ter máis limpo e coidado o monte”. Finalmente, Celso Sánchez, de Campañó, afirma que “me parece ideal que veña unha planta para recoller os restos do monte. Hai que ter en conta que as industrias son necesarias. O que hai que mirar é que a planta reúna as condicións que esixe a normativa”. Sánchez opina que as discrepancias poderían resolverse de haber vontade de facelo.
A empresa Montelimpo quere construír unha planta de xeración de enerxía eléctrica no polígono industrial de Barro–Meis, que funcionaría coa combustión de restos forestais, agrícolas e de xardinería. O proxecto é de 10 megawatios –o que significa que sería unha das plantas de biomasa con máis potencia de Galicia– e a Consellería de Industria deulle inicialmente o visto e prace, aínda que aínda faltan os permisos finais. Ence quixo crear unhas instalacións destas características na súa factoría de Pontevedra, pero a Xunta de Galicia opúxose, optando posteriormente polo proxecto de Montelimpo en Meis.
Pero a iniciativa empresarial atopouse cun obstáculo. A maioría dos comuneiros de San Lourenzo de Nogueira non queren a planta, pois temen que arruíne os mananciais de auga de que se nutre boa parte da parroquia e que as partículas en suspensión froito da combustión da maleza e a madeira acaben xerando po molesto para as persoas e daniño para os cultivos agrícolas e os viñedos.
De feito, a comunidade de montes de San Lourenzo presentou unha alegación ao proxecto, e recolleu tamén as queixas doutros veciños da parroquia e de lugares próximos, como Curro, Romai (Portas) ou San Tomé de Nogueira (Meis). O presidente de San Lourenzo, Silvino Magariños, calcula que en total se presentaron preto de 600 alegacións. E reitera as dúbidas dos seus conveciños. “O concello organizou unha reunión cun enxeñeiro de Montelimpo, e aínda que nos deu explicacións e dixo que non vai ser prexudicial, a xente segue desconfiando”. De todos os xeitos, non pecha a porta a un cambio de opinión, a condición de que a parroquia tivese garantías plenas de que a planta non será daniña.
Así mesmo, Silvino Magariños asegura que a industria non se situaría en terreos dun polígono –varrido polo macronudo de Curro–, senón de monte comunal e ata particular.

MAIS IMFORMACIÓN, PREME AQUI.