Toda a fauna creativa de Manuel Ruibal, (Porráns, 1942), figura transcrita nas páxinas do libro que esta tarde presenta no Sexto Edificio e que constitúe en si mesmo unha peza de museo. «Quixemos facer unha obra de arte -afirma- Non é fácil ver un libro de arte desta categoría en Galicia e menos nestes tempos de crises».
Ruibal reúne nas páxinas deste volume, que edita desde a empresa Bricmas, en colaboración con Follas Novas e a axuda de Gráficas Anduriña, ao redor de 170 imaxes de toda a súa produción faunística, xa sexa en pintura, debuxo ou escultura. A gran maioría das pezas, excepto debuxos que foran expostos en Ourense, son inéditos para o público.
O artista destaca que á fauna está dedicada a súa última etapa creativa. «Tiña un cartafol -indica Ruibal- de debuxos gardados, pero o lanzarme exclusivamente á fauna foi desde hai uns anos para aquí. E agora estou exclusivamente facendo isto e entusiasmado». Aínda que recorda que a súa paixón polos animais vén de neno, de cando vivía en Barro e a súa avoa mandáballe a buscar as ovellas e cabras ao monte. Precisamente un dos seus primeiros debuxos, Ao curro, que evoca aquela situación, é o que abre o libro. Da obra que presenta no Museo (20.30 horas) editáronse 500 exemplares, e 100 deles inclúen serigrafías e están numerados e asinados polo autor ante notario. «Estivemos cinco meses seguidos comprobando a cor, para que fose exactamente fiel», indica. O artista prevé que algunhas das obras sexan expostas o próximo ano fóra de España, «aínda que é custoso e nestes momentos teñen que pórse varios organismos de acordo». Por exemplo, as súas esculturas de serpes requiren «a súa propia contorna, que se vexa que están no seu hábitat».
TODA A INFORMACION PREME NO ENLACE:

