FONTE:

Mentres non se execute o proxecto de mellora da estrada PO-531 entre Pontevedra e Vilagarcía,
comprometida pola Xunta de Galicia desde hai anos, o Concello de Barro cre “urxente” acometer unha serie de actuacións para solucionar os problemas de seguridade que existen nela ao seu paso polo municipio.
Así llo trasladou o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, ao xefe territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, na xuntanza que ambos mantiveron este martes.
En liñas xerais, o alcalde pediu solucionar a falta de iluminación do macro nó de Curro, a inseguridade para o tránsito de peóns entre Curro e Meis, a perigosidade que supoñen as medianas provisionais de plástico, os problemas de seguridade que hai na rotonda pequena ao carón da igrexa de Curro ou a necesidade de construción das rotondas previstas no proxecto de mellora no cruce de Bretoña e no acceso ao polígono de Sequeiros.
Ademais, Fernández Abraldes destacou a urxencia que existe para construción do paso soterrado en Bretoña, unha actuación que o alcalde ve con “preocupación”, xa que sinala que non está previsto realizar ningunha actuación a curto prazo, “a pesar dos anuncios feitos tanto pola consellería como polo anterior goberno municipal”.
Todas esta actuacións serán demandadas na entrevista que o alcalde de Barro solicitará coa propia conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez.
Mais información en:
http://pontevedraviva.com/xeral/22944/abraldes-demanda-xunta-mejoras-urgentes-seguridad-po531/