A agrupación socialista de Barro celebrou este sábado a asemblea extraordinaria para elexir á nova Executiva Local nun proceso no que concurriu unha única candidatura encabezada polo actual secretario xeral, José Sanmartin.
A súa proposta foi aprobada pola ampla maioría dos e das 21 militantes con dereito a voto e por unanimidade dos e das asistentes á asemblea.
Así, José Sanmartín seguirá liderando o grupo socialista de Barro cun equipo renovado que mistura experiencia e xuventude.
Xunto ao secretario xeral, que asume as funcións de máxima representación e responsabilidade do Partido Socialista de Barro, a nova executiva estará presidida por Margarita Canay Pintos, referente da agrupación e concelleira socialista na corporación municipal durante oito anos, entre 2007 e 2015.
A vicesecretaría Xeral será responsabilidade de Rocío Touriño Reboredo, que deixará de ocuparse da área de organización para adicarse tamén ás áreas de Política Municipal e Igualdade.
No seu lugar, como Secretario de Organización se incorpora Francisco José Pérez Vázquez e outro referente do socialismo de Barro, José Luis Abal Couto, asumirá a Secretaría de Medio Ambiente.
O organigrama da nova executiva complétase con Cristina Fandiño na Secretaría de Deportes e Promoción Económica, Silvia Sabarís Abal como Secretaria de Economía e Tamara Outón na área de Educación e Cultura.
Na mesma asemblea, os socialistas de Barro tamén elexiron á súa representante no comité provincial do PSdeG, no que se integrará Lía Rodríguez Barros.
