A Deputación inicia unha nova selección de mestras e mestres composteiras para os ‘Concellos Revitaliza’

Noticias

A Deputación inicia unha nova selección de mestras e mestres composteiras para os ‘Concellos Revitaliza’

O BOPPO publica hoxe as bases do concurso-oposición e abre un prazo de 15 días para presentar solicitudes


 21 xuño 2018
Plan Revitaliza

A Deputación de Pontevedra abriu hoxe o proceso para seleccionar novos mestres e mestras composteiras que traballen nos ‘Concellos Revitaliza’. O Boletín Oficial da Provincia (BOPPO)  publica a convocatoria e bases que rexerán a selección, e abre un prazo de 15 días para que as persoas interesadas en formar parte da bolsa de emprego presenten solicitudes.

Os postos ofertados de mestras e mestres composteiros (MECOS) constituirán unha categoría de empregados nivel C1 que desenvolverán as tarefas de revisión e control dos centros de compostaxe comunitarios (CCC) distribuídos por cada concello adherido ao plan provincial que solicite persoal.

Dentro dos labores de revisión e control estarán a inspección do módulo de achega, levando a cabo as intervencións precisas para adecuar correctamente o equilibrio entre a materia orgánica e o material vexetal (estruturante); o control da temperatura e humidade dos módulos; o transvase do material en proceso aos módulos seguintes; o cribado e reparto do compost elaborado entre as e os participantes de cada centro, a toma de datos para o control da trazabilidade do proceso e documentación fotográfica da evolución do material nas diferentes fases.

Os MECOS tamén realizarán labores de comunicación e formación da cidadanía interesada en participar; resolución das posibles dúbidas; formación das e dos empregados e voluntarios do concello que, co tempo, levarán as labores de achega e remexido do módulo de achega; e estudos relativos á clasificación e caracterización dos residuos xerados no concello e conducentes á optimización das rutas de recollidas destes, entre outras tarefas.

O sistema de selección das candidatas e candidatos desenvolverase en dúas fases a través dun sistema de concurso-oposición. Na primeira fase (oposición) haberá tres exercicios: un tipo test obrigatorio e eliminatorio, unha entrevista persoal para falar sobre o currículo e contestar preguntas do tribunal sobre o desempeño do seu posto de traballo, e outro exercicio de tradución ao galego.

A cobertura dos postos de traballo en cada concello efectuarase segundo a orde de puntuación acadada nas probas, que determinará a bolsa de emprego. Unha vez concluídos os procesos selectivos as e os aprobados de maior nota serán nomeados funcionarios interinos polas alcaldesas e alcaldes. As restantes candidatas e candidatos, pola orde da puntuación obtida, poderán ser chamados se concorren renuncias ás prazas, pasando a formar parte dunha lista de reserva.

Prórroga para as subvencións dos concellos

Por outra banda, ademais de avanzar na convocatoria do concurso oposición, a Xunta de Goberno da Deputación aprobará mañá unha prórroga para que os concellos teñan un mes máis para solicitar as subvencións da Deputación para contratar ás mestras e mestres composteiros da mencionada bolsa de emprego.

Tal e como anunciara o vicepresidente Mosquera, a intención é que os concellos vaian incorporando persoal propio para facerse cargo dos centros de compostaxe comunitaria e dos composteiros individuais. Para isto, terán axudas económicas para contratar un número máximo de traballadores (entre un e catro) que se determinará en función da poboación, do número de unidades modulares de compostaxe e centros de compostaxe comunitaria en funcionamento no municipio e do grao de implantación do Plan Revitaliza. A Deputación dará unha subvención equivalente ao 100% dos soldos neste ano, do 50% para o próximo e do 30% para 2020.

Segundo o baremo da Deputación poderán ter ata un máximo de catro traballadores os concellos maiores de 20.001 habitantes (Cangas, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, Redondela e Vilagarcía); tres traballares os concellos de entre 10.001 e 20.000 habitantes (Baiona, Bueu, Cambados, Gondomar, O Grove, Moaña, Porriño, Sanxenxo, Tomiño e Tui); dous traballadores os concellos de entre 5.001 e 10.000 habitantes (Caldas de Reis, Pontecaldelas, Ribadumia, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Silleda, Soutomaior, Valga e Vilaboa); e un traballador os concellos de poboación de ata 5.000 habitantes (Barro, Campolameiro, Catoira, Cuntis, Illa de Arousa, Mondariz, Mondariz Balneario, As Neves, Oia e Rodeiro).

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: