O grupo de voluntarios Stop Velutina de Barro e apicultores do Concello de Portas decidiron crear unha asociación comarcal de Umia para loitar contra a praga da vespa asiática. Nas últimas horas, representantes destas entidades mantiveron un encontro en Romai coa idea de involucrar a todos os concellos da comarca a través de persoas voluntarias coa idea de frear a proliferación de niños da avespa velutina.
Neste sentido, decidiuse iniciar unha rolda de contacto cos goberno dos concellos da comarca para solicitar colaboración institucional. Alertan do perigo que supón este insecto para as abellas do país, ademais dos danos que causa en froiteiros e mesmo en viñas, xa que teñen preferencia polo azucre e o alcol.
Nas próximas semanas esperan manter unha reunión constituínte e mesmo estudan formar parte da Asociación Galega de Apicultores (AGA) para buscar máis apoios.