
A adquisición dunha vivenda habitual no rural está libre dos impostos de Transmisións Patrimoniais e de Actos Xurídicos Documentados, en concepto de tributos cedidos polo Estado á Xunta, en 78 parroquias de Pontevedra e os seus concellos próximos, segundo o último listado feito público recentemente por Facenda. A medida, impulsada polo Executivo galego, aspira a favorecer a chegada de novos veciños ás zonas menos poboadas facilitando o acceso a unha vivenda. A rebaixa de impostos no rural aplícase a tres supostos: familias numerosas, mozos menores de 36 anos e persoas con discapacidade.
Na orde da Consellería de Facenda especifícase que, para decidir que ámbitos territoriais participan neste programa de beneficios fiscais foi necesario unha delimitación «de forma clara». Engádese: «dada a dispersión da poboación en Galicia, a Lei optou por delimitar o ámbito xeográfico susceptible deste beneficio fiscal a nivel de parroquia».
Fontes de Facenda sinalaron que o criterio seguido para escoller as parroquias deste plan é o fixado polo Instituto Galego de Estatística. Este organismo fixa tres posibles clasificacións: zonas densamente poboadas (ZDP), intermedia (ZIP) e pouco poboadas (ZPP). Esta clasificación, que segue un estándar europeo de Eurostat, levou a cabo por primeira vez no 2011 e actualizouse no 2016. Neste programa de beneficios fiscais incluíronse unicamente as parroquias coa categoría de ZPP.
A categoría de zona pouco poboada atopa unha maior aplicación ao interior da comarca. Desta forma, participan nos beneficios fiscais todo o territorio municipal de Barro, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, A Lama, Moraña, Portas e Ponte Caldelas. En Caldas de Reis, a medida inclúe a todo o rural, excluíndo unicamente aos ámbitos das parroquias máis urbanas: Santo Tomás e Santa María.
MAIS INFORMACIÓN:
