O Ministerio de Fomento garantiu ao Concello de Pontevedra que a autovía A-57, cuxo primeiro tramo está en execución nas inmediacións da cidade, terá continuidade ata a localidade de Curro, no municipio de Barro, onde poderá enlazar coa autovía do Salnés.
En rolda de prensa, o concelleiro de Infraestruturas de Pontevedra, César Mosquera, explicou que os técnicos da demarcación provincial de Estradas do Estado trasladaron que xa se solicitou a declaración de impacto ambiental do último tramo da autovía, entre Pilarteiros e Curro.
Máis avanzada atópase a tramitación do tramo entre A Ermida e Pilateiros, que sairá a exposición pública “nuns meses”, segundo Mosquera, o paso previo a iniciar as expropiacións e licitar a obra, trámite previsto para 2018.
Con estes dous tramos, Pontevedra contará cunha “verdadeira circunvalación” de 21 quilómetros que partirá do municipio veciño de Vilaboa e concluirá en Barro, conectando coa principal vía de comunicación da comarca do Salnés.
As obras actualmente en execución, entre Vilaboa e A Ermida, van “segundo o previsto”, explicou o edil do BNG, que situou en “finais de 2018 ou principios de 2019” a súa entrada en funcionamento. Neste tramo, que ten 6,5 quilómetros, o Ministerio de Fomento inviste 74 millóns de euros.