Luz verde para a construción de novas naves no polígono industrial de Sequeiros, en Barro, que no prazo de doce meses verá como varias novas empresas inician a súa andaina nestas instalacións. O alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, e a concelleira de Desenvolvemento Económico, Lía Rodríguez, mantiveron este mércores un encontro cos promotores. Na cita, dous dos empresarios que iniciaron o proceso para desenvolver a zona industrial, Ramón Moldes e Miguel Lago, presentaron parte do proxecto, que enfronta unha fase crucial: a construción de naves modulares que estarán a disposición das firmas nun semestre, segundo os seus cálculos.
Moldes, que dispón doutra nave no polígono, é o responsable do plan. Na actualidade, ten unha actividade de gardería de caravanas en preto de 2.000 metros e outros espazos alugados a terceiras empresas. No futuro, porá no mercado catro novas naves construídas nun terreo de 5.000 metros e despois outras cinco que se desenvolverán na parcela de en fronte. O seu proxecto investidor supera con fartura o medio millón de euros. Ademais, unha terceira das empresas xa instaladas no lugar, Pomasa, ultima a edificación coa que ampliará as súas instalacións. O alcalde explicou que “estamos por axudar a esta iniciativa tramitando o máis rápido posible as súas peticións, e tratando de mellorar os accesos, agora que se vai desenvolver parte do solo”. Ao Concello tamén se lle solicitou axuda para implementar un punto de limpeza das autocaravanas, este mércores.