Este próximo domingo 15 de setembro, Barro non contará co habitual mercado ambulante instalado en San Antoniño despois de que o Concello rescindira o contrato que o vinculaba coa empresa organizadora.
A intención, segundo explicou o alcalde, José Antonio Landín, ésacar de novo a explotación do mercado a concurso público “nuns 15 días”, polo que o municipio quedará sen feira aproximadamente tres meses: “calculo que en tres meses estará funcionando novamente”, dixo o rexedor aPontevedraViva.
A decisión do goberno local débese, segundo o alcalde, a que “acabou a adxudicación de 4 anos”, pero foi duramente criticada pola Asociación Galega de Ambulantes e Autónomos que preside Francisco Romero: “o mercadiño de Barro desaparece pola incapacidade persoal do alcalde”.
Esta asociación, que pide a dimisión de Landín, defende que o principal problema co mercado viña da inclusión de vendedores que non contaban cos permisos necesarios: “os vendedores intrusos perxudican ao comercio ambulante tanto como ao sedentario. Xa nos seus inicios foi inmoral ofrecer espacio de venta a expulsados de concellos lindantes como Pontevedra porque non estaban legais”.
Ante estas críticas o alcalde respondeu acusando a esta asociación de querer facerse coa explotación do mercado: “non vamos a dar nada a dedo, se queren facerse cargo van ter que ir a un concurso público e aberto, onde se pode presentar calquera empresa que cumpla as normas, como pagar a seguridade social”.
http://pontevedraviva.com/xeral/7086/barro-queda-tres-meses-sin-mercadillo/?lang=gl