Un informe elaborado pola Federación de Servizos á Cidadanía de CC.OO. recolle que a débeda dos concellos da comarca coas entidades financeiras a decembro do 2012 era de 50 millóns de euros.
Esta débeda viva que mostra o estudo é a cantidade que os municipios deben ás entidades financeiras pola concesión de préstamos. Desde o sindicato recoñecen que para que a cifra fose completa habería que engadir a esta cantidade a que outras administracións deben ás corporacións locais e a que os propios concellos teñen contraída cos provedores, Seguridade Social ou Ministerio de Facenda.
Á marxe destas puntualizacións, os concellos fixeron os deberes ao longo do 2012. Non todos, pero si a maioría. Mentres Cotobade, Cuntis e Campo Lameiro teñen o contador de endebedamento a cero, outros como Vilaboa, Ponte Caldelas, Moraña e Pontevedra traballaron para reducilo fronte aos números do 2011. «Hai xestións moi boas, os concellos están a traballar ben sen a necesidade de despedir a xente para facer axustes, como está a ocorrer noutras administracións», sinala Antonio Milleiros, de CC.OO.
Pero non todos seguen o ronsel da redución. En Poio creceu un 3 %, en Sanxenxo, un 29 % e no Concello de Barro aumentou ata un 316 % no 2012. Son os concellos da comarca que peores cifras ofrecen. «Fixemos o informe sobre o sector da administración local en base aos datos de Facenda e o padrón de habitantes», sinala Milleiros.
Desde o sindicato advirten de que no traballo non se incluíron detalles de entidades locais menores nin das mancomunidades porque a débeda é pouco significativa. Xunto aos concellos de toda España, o sindicato recolle tamén a débeda das deputacións. No caso de la entidade pontevedresa ascende a 91 millóns de euros, doce menos que no 2011. É despois da de Ourense a que máis reduciu o endebedamento.