O BNG PIDELLE AO ALCALDE DE BARRO QUE SE SUME Á MANIFESTACIÓN DO 10 DE MAIO, EN DEFENSA DAS PERSOAS AFECTADAS POLAS PREFERENTES

O BNG vén de presentar un escrito no Concello de Barro solicitando a adhesión do alcalde e dos restantes grupos bng barromunicipais da corporación á manifestación convocada polo Concello de Pontevedra en apoio ás persoas estafadas polas participacións preferentes e obrigas subordinadas.
Adxúntase texto da solicitude

O abaixo asinante, Xosé Manuel Fernández Abraldes, Portavoz do Grupo Municipal do BNG no Concello de Barro
EXPÓN:
Que desde hai uns meses se veñen desenvolvendo por toda Galiza mobilizacións e protestas protagonizadas por xente estafada polas entidades bancarias a través de produtos lixo como as chamadas participacións preferentes e obrigas
subordinadas. A maioría destes cidadáns e cidadás (máis de 60.000 só no noso país, moitos deles no noso concello) eran pequenos aforradores que acabaron vendo como o diñeiro froito do seu traballo se vía inicialmente inmobilizado polas devanditas entidades bancarias. E isto, coa anuencia dos diferentes gobernos de Madrid, que ampararon e consentiron estas prácticas bancarias sen dúbida fraudulentas.
Desde que o BNG tivo coñecemento desta situación, promoveu diferentes actuacións no plano político e institucional encamiñadas a mostrar o seu compromiso e solidariedade coas e cos nosos compatriotas estafados polos bancos, así como a demandar unha solución política para o conxunto dos afectados e afectadas polas preferentes e subordinadas. Así mesmo, demos o noso apoio como forza política ás diferentes plataformas de afectados e afectadas que se
foron constituíndo polo país, facéndonos eco das súas lexítimas demandas e respaldando activamente as súas mobilizacións, se ben é certo que este apoio do BNG tivo desigual alcance en función dos diferentes territorios do país.
A día de hoxe, lonxe de solucionarse a problemática dos estafados e estafadas polas preferentes e subordinadas, esta agravouse aínda máis, por mor da decisión do Goberno de Mariano Rajoy de proceder a unha quita sobre os
aforros das cidadás e cidadáns atrapados en participacións preferentes e obrigas subordinadas. Un auténtico roubo a estes pequenos aforradores e que en Galiza vai significar a expropiación duns 600 millóns de euros, que serán transferidos desde os petos dos cidadáns para esas mesmas entidades bancarias que os estafaron.
Como resposta a esa agresión, nestes días as diferentes plataformas de afectadas e afectados polo calote das preferentes e subordinadas, así como diversos gobernos municipais seguirán a realizar accións de protesta, en demanda dunha
solución definitiva a esta problemática. Máis ca nunca, faise necesario o noso compromiso para apoiarmos decididamente estas mobilizacións, que deben ser un auténtico berro por toda a nación na defensa destas cidadás e cidadáns estafados pola usura bancaria e agredidos por uns gobernos pregados aos intereses da banca e
submisos ante os ditados da Troika.
O BNG de Barro apoia a manifestación convocada polo Concello de Pontevedra para o venres 10 de maio, en defensa das persoas estafadas polas preferentes e subordinadas, así como as demais medidas de presión que permitan a recuperación íntegra dos aforros, e
SOLICITA:
O apoio do alcalde e dos demais grupos da Corporación ás medidas de presión convocadas para defender ás persoas afectadas, e, en concreto, á manifestación do venres 10 de maio en Pontevedra.
Barro a 2 de maio de 2013

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s