A moda de compartir coche para aforrar consolídase

De nada serviron as advertencias que durante anos se nos realizaron sobre a necesidade de racionalizar o consumo de combustibles. De nada, a defensa que desde foros ambientais e ata de consumidores facíase do uso compartido do coche como forma de racionalizar a circulación de vehículos polas estradas. Fixo falta que a crise apertase para que na comarca do Salnés botase raíces unha práctica que leva anos funcionando noutros puntos do país: a de compartir coche.

Agora, cos carburantes empolicados no máis alto das táboas de prezos e as peaxes das autoestradas galegas tamén polas nubes, desprazarse ao posto de traballo, sobre todo cando este queda lonxe de casa, non resulta un bo negocio. Así que chegou o momento de aparcar o vehículo propio, renunciando así á tan reivindicada independencia, e subirse ao dun compañeiro, ou viceversa. Boa mostra deste fenómeno podémola atopar en moitos recunchos da comarca do Salnés, onde afloraron bolsas de aparcadoiro nas que os vehículos agardan a volta dos seus propietarios.

Accesos á Vía do Salnés como a rotonda de Ribadumia, ou a de acceso a Armenteira, énchense á primeira hora da mañá e baléiranse aos poucos, en función de que as quendas de traballo vaian tocando ao seu fin en empresas situadas moi lonxe de alí. Ocorre algo moi similar nas pistas que rodean o acceso á AP-9 en Caldas: nas áreas de descanso da autoestrada non é recomendable facer o cambio de vehículo xa que o tíquet de entrada á vía pode caducar durante a xornada laboral. Así, en Saiar o día amence cunha fila de coches ateridos baixo a xiada igual que ocorre á mañanciña na contorna do nó de Curro . Pero para quedar tamén vale a rotonda da Illa, na estrada xeral, ou ata a zona das Carolinas, en Vilagarcía.

Nestas zonas de aparcadoiro conviven traballadores de todo tipo: funcionarios, operarios de empresas aos que recollen furgonetas da súa propia compañía, autónomos e todos aqueles que logran organizarse para facer as súas viaxes por estrada a un prezo máis axustado.

Deixar un comentario