A Consellería de Medio Ambiente realizou varias actuacións que concluíron coa supresión de sete vertedoiros incontrolados nos municipios de Barro e Campo Lameiro. No primeiro destes concellos, a Xunta destinou 35.000 euros á eliminación de puntos negros en catro parroquias. As verteduras ilegais detectáronse en Baliñas, Agudelo, Barro e Curro e ocupaban unha superficie de 850 metros cadrados.
O volume total de residuos retirados no municipio de Barro ascendeu a 414 metros cúbicos, dos que catrocentos se correspondían a residuos voluminosos, nove eran residuos procedentes da construción e cinco estaban considerados como perigosos. Ademais houbo que sementar céspede a zona, con 180 metros cúbicos de chan achegado para este fin. Nas antigas zonas de depósito de residuos, instaláronse carteis indicativos que advirten da prohibición de volver botar alí lixo.