É en Pontevedra onde comeza ‘Cris Canalla’ (Edicións A Nosa Terra, 2009) e é tamén este lugar o que une, desde a distancia, os destinos dos dous aventureiros cuxas vidas esboza a última novela de Adolfo Caamaño (Barro, 1959). O autor vive na cidade do Lerez, no barrio de Monteporreiro, onde nos recibe para afirmar que ‘quizais o único que nos queda aos que queremos un mundo mellor é a defensa da Revolución Francesa e dos seus valores, que comezan a verse cuestionados pola relixión e a ideoloxía’.
Como xorde a idea dunha novela que conecta a Guerra de Independencia española e a americana?
O século XIX gústame moito. A miña anterior novela [O paxaro do mel] ambiéntase tamén nesa época, e sempre tiven ganas de tratar eses momentos de cambio profundo. Comezaba a fundarse o mundo contemporáneo mediante as ideas ilustradas, e a guerra de independencia non está moi novelada, nin en Galicia nin en España. Tamén quería tratar a aventura duns rapaces que mandaron a América para facer unhas vacinacións brazo a brazo contra a varíola. Sacáronos do hospicio da Coruña e, concluída a misión, nunca máis se soubo deles. Sempre me atraeu a idea de facer unha novela que tivese un destes rapaces como protagonistas, por resucitalos dalgunha maneira. A verdade é que foron uns pobres diaños que fixeron, obrigados, un gran labor.
Que canles de documentación empregou?
Houbo un bicentenario no 2003 sobre a expedición vacinaria. Eu sobre todo fixen procuras en internet, e conseguín moita información, suficiente para a miña intención. Non obstante formulo o tema desde unha perspectiva un pouco diferente. Non me centro en que a expedición foi unha marabilla da ciencia española senón no aspecto humano de que uns rapaciños que estaban nun orfanato fosen obrigados a facer iso.
Vostede é profesor de historia na secundaria. Dáme a impresión de que o libro ten certo afán didáctico…
Evidentemente, moitas das cousas que fago teñen a intención de atraer os rapaces a ler e que se interesen por saber. O paxaro do mel responde moito máis a isto. De todos os xeitos, trátase dunha novela de ambientación histórica, non dunha novela histórica.
Non obstante, Cris Canalla non se formula como unha novela xuvenil como a anterior, aínda que pode ser lida por públicos de diferentes idades…
Hai unha confusión bastante grande coa novela xuvenil. Agora está encadrada nunha especie de subxénero literario, pero non foi concebida así desde un principio. Por exemplo, as novelas de Verne non estaban pensadas para un público xuvenil. Tratábase dunha novela de aventuras á que se podía achegar todo o mundo. Nos últimos anos foise encadrando a novela de aventuras para o público xuvenil, pero este é un tipo de obra á que se pode achegar calquera.
Na novela aparecen bastantes galegos en momentos importantes.
A Guerra da Independencia en Galiza e a súa achega á loita contra os exércitos napoleónicos foi dunha magnitude moi importante. Moitos galegos combateron tamén noutras partes de España, mesmo logo de levas de emigrados en Portugal. A inmensa maioría dos datos que aparecen na novela son históricos, como os batallóns de franceses desertores ao servizo de España. Mesmo o deputado galego nas Cortes de Cádiz Agustín Vaamonde existiu, eu teño un documento del, que atopei nun moble, e onde fala dos galegos como os “Brigans do Poñente” ou “Rusos de Occidente”, expresións que recollo na novela. Tamén está documentado que é el quen defende ao “Batallón dos Bispos”, formado por galegos e que se rebelan cando os mandos non cumpren o pactado, que tiñan que ter un xefe tamén galego. As discusións sobre este tema alongáronse varios días de 1812 en Cádiz.
Segundo a novela, os galegos tamén xogaron un papel importante na independencia das colonias españolas en América, en especial unha familia chamada Mariño. Iso tamén é histórico?
Aquí é un feito bastante descoñecido, non así nos países latinoamericanos. Na rede pódense atopar páxinas arxentinas, venezuelanas ou colombianas con moitos datos. Temos que aprender moito destes países sobre os bos resultados que pode dar internet á hora de internacionalizarnos. É unha carencia importante de Galicia. Non deixa de ser curioso que non coñezamos o caso de Concepción Mariño e da súa familia, xa que toda a épica da independencia venezuelana está reflectida na web de xeito exhaustiva. Santiago Mariño foi o outro gran líder da independencia venezuelana, que puido ter sido o libertador en vez de Bolívar.
Que tipo de influencia recibe do xénero da novela histórica?
A novela histórica ten uns esquemas bastante simples en moitos sentidos, pero eu trato de romper algunhas tendencias ao poñer o pasado na boca dos seus protagonistas, que o conten en primeira persoa, en presente, indicando o que pensaban e o que sentían. O meu interese pola historia vén pola miña dedicación como profesor desta materia, pero tamén porque se lle presta moi pouca atención.