Diversos colectivos de Barro colaborarán coa “Pontevedrada”

 PORTADA faro-de-vigo

A 72 horas para que teña lugar a “Pontevedrada 2015″, unha marcha solidaria nocturna que transcorre durante 63 quilómetros dende Pontevedra ata Santiago de Compostela a través do Camiño Portugués, e que conta con máis de 900 inscritos nesta ocasión, a sociedade de Barro implícase nesta iniciativa que atravesará o municipio na tarde noite do próximo sábado. A “Pontevedrada” trata de fomentar a doazón de órganos e ano tras ano foi aumentando o número de persoas participantes.
Un colectivo cultural, “AmigosFervenzaBarosa“, tres locais hostaleiros, Furancho do Niní, Mesón Don Polbo e Taberna Pousada do Peregrino e a panadaría Pasarín, uniron os seus esforzos para que a primeira parada “técnica” no lugar de San Amaro (Portela, Barro) para repoñer forzas, tras máis de dúas horas de camiño que fará esta marcha e que serán no concello de Barro, sexa o máis solidaria posible.
Contribuirá tamén á seguridade de máis dos xa máis de 900 inscritos, Protección Civil de Barro, que os escoltará ao seu paso polo municipio para minimizar calquera tipo de incidencia de seguridade.

Colaboración
Durante as últimas semanas ademais a AC FervenzaBarosa promoveu o envío a través de whatsapp, viber, line, e distintas redes sociais a participación.
O vicepresidente da AC, Faustino Batallán, sinalou que “renovamos novamente un ano máis a colaboración coa Pontevedrada e a súa causa no tempo e de xeito indefinido por terceiro ano, axudando na difusión e promovendo esta iniciativa solidaria no municipio de Barro“.
Tamén, poderase seguir esta marcha solidaria en “directo” a través do twitter @FervenzaBarosa e o hastag #Pontevedrada2015.
Recordar, así mesmo, que non é obrigatorio completar todo o percorrido da Pontevedrada, así como que se conta co apoio loxístico de vehículos de asistencia en ruta.
Por outro lado, a organización aconsella aos participantes levar chaleco reflectante, lanterna ou frontal e pilas de reposto, teléfono móbil cargado, bebida e alimento lixeiros, roupa de abrigo e chuvasqueiro, bastóns de trekking, calzado e calcetíns de reposto e unha pequena caixa de primeiros auxilios, ao tempo que insistiron en que o retorno a Pontevedra corre por conta de cada un dos inscritos.
Os participantes tamén farán un pequeno descanso na vila de Caldas de Reis.

http://www.farodevigo.es/portada-pontevedra/2015/04/23/diversos-colectivos-barro-colaboraran-pontevedrada/1225987.html

diversos-colectivos-1

 

Regreso al Futuro

o veciño denfrente

Situádevos: estrada de Perdecanai.

“O certo é que a día de hoxe non están feitas nin a metade das obras previstas, e aquelas zonas onde se ampliou o ancho da calzada están a causar graves problemas de seguridade e incomodidade para os veciños e usuarios de dita estrada (as chuvias arrastran a terra para o medio da calzada e, nalgúns sitios, estreitouse a zona asfaltada provocando máis riscos para a circulación de vehículos, os postes de Fenosa e Telefónica atópanse no medio da zona explanada, o que representa tamén un grave perigo).

Os terreos necesarios para a ampliación de dita estrada están sendo cedidos polos propietarios dos mesmos a cambio da construción de muros e da reposición de servizos nas súas propiedades, pero estas veciños, despois de facilitar as obras da estrada, atópanse con que teñen que padecer as molestias desta paralización e da demora en adecentar os espazos xa ampliados.”

Por este texto non pasa o tempo, porque foi escrito hai sete anos (no ano 2008).

Forma parte da moción presentada no seu momento polo BNG e rexeitada polo PP.

Sete anos e eu teño que ir facendo slalom para non bater cos postes. O responsable de vías e obras do Concello de Barro debe ter postefilia, síndrome de dióxenes cos postes ou terror a perder o fío… non sei… pero facédello mirar.

“estase pensando en darlle a esta estrada o mesmo tratamento que as obras feitas na Estación de Portela, e dicir, colocación de aceras e as redes básicas para os servicios”

¿Onde meteron os cartos que, desde 2013, se anuncian no cartel?

http://pontevedraviva.com/xeral/7550/deputacion-perdecanai-iglesia-barro/

Ahí vai a moción completa. Digna do “Día da Marmota” (por non chorar):

Durante o ano 2007, a Deputación comezou as obras da primeira fase de ampliación e mellora da estrada provincial que conecta a N-550 coa igrexa de Perdecanai.

Ditas obras foron paralizadas a finais do 2007 (segundo información do goberno municipal de Barro, por ter rematado o orzamento previsto para esa primeira fase das obras).

O certo é que a día de hoxe non están feitas nin a metade das obras previstas, e aquelas zonas onde se ampliou o ancho da calzada están a causar graves problemas de seguridade e incomodidade para os veciños e usuarios de dita estrada (as chuvias arrastran a terra para o medio da calzada e, nalgúns sitios, estreitouse a zona asfaltada provocando máis riscos para a circulación de vehículos, os postes de Fenosa e Telefónica atópanse no medio da zona explanada, o que representa tamén un grave perigo).

Os terreos necesarios para a ampliación de dita estrada están sendo cedidos polos propietarios dos mesmos a cambio da construción de muros e da reposición de servizos nas súas propiedades, pero estas veciños, despois de facilitar as obras da estrada, atópanse con que teñen que padecer as molestias desta paralización e da demora en adecentar os espazos xa ampliados.

Por todo o exposto, o Pleno do Concello de Barro acorda aprobar a seguinte MOCIÓN:

1) Dirixirse á Deputación Provincial para solicitar a reanudación das obras da E.P. 0525 en Perdecanai.

2) Se os problemas orzamentarios ou técnicos non permitisen a inmediata realización das obras en todo o trazado, solicitar que se proceda de forma inmediata a rematar a ampliación do treito comprendido entre Canai e A Igrexa (que é onde se actuou até o momento), procedendo a botar unha capa de asfalto no xa explanado e retirar os postes de Fenosa e Telefónica situados neste treito.

IINTERVENCIÓNS:

Sr. Alcalde, aclara que o seu grupo vaise opoñer á moción.

Sr. Fernández Abraldes, sinala que xa en novembro do ano 2007 había preguntado polo remate da Estrada Provincial á Igrexa de Perdecai e o Sr. Alcalde había dito que estaba pendente o remate da consignación no orzamento da Deputación para o ano 2008, recorda ademais que non está habendo problemas para a cesión dos terreos e remata a súa intervención solicitando que de forma urxente se execute o asfaltado do firme para evitar que a calzada sexa invadida pola area e pide a retirada dos postes do tendido eléctrico.

Sr. Alcalde, que se plantexaron problemas en canto a disponibilidade dos terreos e que sobre todo estase pensando en darlle a esta estrada o mesmo tratamento que as obras feitas na Estación de Portela, e dicir, colocación de aceras e as redes básicas para os servicios.

Sometido a votación a aprobación da moción  da o seguinte resultado:

7 VOTOS EN CONTRA; votan Sres.

Roig Olona (PP),

Fontán Outón (PP),

Cons Calvo (PP),

  1. Rivas Reboredo (PP),

Iglesias González (PP),

Magariños Pasarín (PP) e

Sr. Alcalde (PP)

e 3 VOTOS A FAVOR; votan Sres.

Fernández Abraldes (BNG),

Castro Calviño (BNG) e

Canay Pintos (PSOE).

Explicación de voto do Sr. Alcalde: que o seu grupo vota en contra da aprobación da moción porque pretende darlle a esta estrada o tratamento de travesía urbana con dotación dos servicios básicos e resolver a disponibilidade dalgúns terreos mediante expropiación.

Malestar entre os veciños de Barro polo soterramento dunha liña de alta tensión entre as casas

LOGO PONTEVEDRA VIVA BARRO

O tendido dunha nova rede de alta tensión polo Camiño Portugués entre as vivendas de Valbón, no concello de Barro, motivou que os veciños do devandito lugar se reunisen de urxencia o pasado venres pola noite.

Os veciños alegarán contra esta infraestrutura por realizarse sobre o trazado do Camiño Portugués, provocar danos nas súas traídas veciñais de auga e dificultar o tránsito pola zona ao igual que fixeron no ano 2011 cando estes mesmos veciños formularan alegacións ao proxecto redactado pola Deputación de Pontevedra para abastecer o polígono de Barro Meis dende unha torre de alta tensión existente entre en Valbón, á altura de San Antoniño.

Alarmados porque o novo tendido discorrería enterrado entre as súas vivendas, sobre a traza do Camiño de Santiago, naquel entón remitiron á Consellería de Industria un escrito no que solicitaban que o devandito tendido fose desviado pola parte exterior do núcleo de casas, por vías abertas pola concentración parceira cuxa existencia non se recollía na cartografía do proxecto.

Segundo informaron os propios veciños, tras catro anos sen noticias das súas alegacións, esta semana foron advertidos de que as obras se iniciaran no Polígono e avanzaban cara a Valbón dende o núcleo de Güimil (onde o tendido si foi desviado respecto ao proxecto inicial), e onde ademais as máquinas rebentaron varias mangueiras de abastecemento de auga procedentes dos mananciais do Monte de Güimil, das que se surten os veciños de Valbón que non teñen pozo.

O tendido discorre enterrado nunha gabia formigonada, cuxa execución require do uso de maquinaria pesada e que en Valbón dificultará inevitablemente o tránsito cotiá dos veciños e peregrinos que diariamente atravesan o lugar camiño de Caldas.

A pesar de lindar co chan urbano de San Antoniño, as casas de Valbón non dispoñen aínda dos servizos urbanísticos mínimos. Os veciños non comprenden que se fixese investimento para dotar de canalizacións a dous polígonos residenciais que permanecen abandonados (e en cuxos soares se celebra a feira dominical), mentres que nos núcleos pegados a eles, nos que non hai unha soa vivenda baleira, adoecen dunha falta absoluta de servizos.

Para a súa sorpresa, ao visitar o Concello o día 19 para pedir explicacións, encontráronse con que o proxecto modificado do tendido estaba en exposición pública dende o día 26 de febreiro sen que ninguén lles tivese advertido de que existía un novo prazo para presentar alegacións; prazo que remataba o sábado, día 21.

Pero a súa sorpresa foi aínda maior cando revisaron o expediente e descubriron que Patrimonio condicionaba a viabilidade do tendido polo Camiño de Santiago á xustificación da non existencia doutra alternativa, que era, precisamente, o que estes mesmos veciños alegaron no ano 2011.

Por iso convocaron unha reunión urxente o venres pola noite na que decidiron por unanimidade presentar novamente alegacións, incidindo precisamente na existencia de alternativas ao trazado, cuxa corrección sería viable cunha modificación de presuposto de apenas un 2% sobre a totalidade da obra.

Os veciños queren deixar claro que non se opoñen de ningún modo ao abastecemento, posto que comprenden que, a falta doutros investimentos estratéxicos, do Polígono de Barro-Meis depende en gran xeito o desenvolvemento futuro de Barro. Por iso aspiran a obter finalmente a comprensión dos responsables da desacertada idea de afectar as súas vivendas cunha liña de alta tensión, cuxa única xustificación radicaría no manexo dunha cartografía deficiente e nun descoñecemento total da realidade física do lugar.

Aproveitando que se van acometer obras de apoio e soterramento, reclaman ademais que se enterre o tramo de 300 metros de tendido aéreo de alta tensión existente actualmente sobre os terreos do núcleo destinados asentamento residencial por supoñer un evidente risco para a saúde dos seus habitantes, ademais dunha contradición coas previsións do plan urbanístico aprobado polo propio Concello.

A pesar de ser un dos lugares de Barro polos que transcorre o Camiño Portugués, en Valbón continúan esperando melloras na seguridade vial e na sinalización, toda vez que o Concello acaba de aprobar a modificación puntual nº2 do PXOM, na que se prevé a desviación do tráfico de San Antoniño a través deste núcleo coa próxima apertura de dúas novas avenidas que desembocarán nel, intensificando notablemente o tránsito de vehículos polo trazado do Camiño.

http://pontevedraviva.com/xeral/18831/malestar-entre-vecinos-barro-linea-alta-tension-entre-casas/

tension en barro

MOCIÓN contra a privatización do servizo público que prestan os rexistros civís

bng barroSr. Alcalde:

O abaixo asinante, Xosé Manuel Fernández Abraldes, Portavoz do BNG no Concello de Barro presenta a seguinte MOCIÓN contra a privatización do servizo público que prestan os rexistros civís.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

Os Rexistros Civís son un servizo público desde 1871. Case un século e medio despois, o goberno do Estado, preidido por Mariano Rajoy pretende pór fin a este servizo público.

No ano 2011, o ex ministro Gallardón xa deu o primeiro paso para esta privatización coa Lei 20/2011.

Para enterrar definitivamente ese servizo público, o goberno presidido por Rajoy non precisa dunha norma ad hoc. Para iso nada mellor que aproveitar unha Disposición Adicional. Así no Real Decreto-Lei 8/2014, cun texto dunhas 170 páxinas, aparecen as disposicións adicionais 20 a 24 que lle serven para privatizar ese servizo público, pondo o mesmo nas mans dos Rexistros Mercantís (cinco en toda Galiza). Tamén se crea por disposición adicional unha corporación de dereito público que será a encargada da contratación que teña por obxecto a creación, mantemento, posterior xestión e seguranza do sistema informático único e a súa rede de comunicación.

Esta privatización non ten máis que efectos negativos, entre os que compre sinalar os seguintes:

Un servizo público gratuíto deixará de selo, via aranceis, taxas ou calquera outro medio, pois ninguén cre que os rexistradores van asumir tales competencias sen compensación algunha.

A supresión de todos os rexistros civís existentes, concentrando en dous na provincia de Pontevedra, supón un grave prexuízo para os que vivimos noutros concellos, que nos vemos obrigados a desprazarnos. Esta centralización non se entende.

Despois de gastar centos de millóns de euros na informatización de datos, cando menos dende o 1952, póñense estes en mans privadas.

Xa en maio de 2013 o BNG presentou unha moción (que foi aprobada por unanimidade pola corporación municipal) demandando o mantemento do xulgados de paz e contra a privatización dos rexistros civís.

Por todo isto o Pleno do concello de Barro aproba a seguinte

                                                     MOCIÓN:

1. Instar ao goberno do Estado á supresión ou derogación do contemplado nas disposicións adicionais 19 a 24 e a disposición final do Real-Decreto-Lei 8/2014 que privatiza os Rexistros Civís.

Barro, 24 de marzo de 2015

Xosé Manuel Fernández Abraldes

xulgado-de-paz-juzgado

CONCELLO A MEDIAS, OBRAS A MEDIAS

o veciño denfrente

“Obras a medias, obras entre varios, repartos ordinarios…”

Comeza a escoitarse polas tabernas, polos furanchos e polo chiringuito dos perritos calientes de Barosa este novo refrán froito sen dúbida dunha tan triste coma innecesaria sospeita, alimentada ata a fartura por cada nova obra municipal:

¿Por qué o Concello de Barro non remata ningunha das obras que empeza? ou, visto doutro xeito: ¿Por qué nos demáis concellos as obras sí se rematan?

O “novo concello” a medias, o parque de Barosa, a medias, o Pazo da Crega, a medias, a “urbanización” da feira, a medias, as novas pontes, a medias…

Sen ir máis lonxe: ¿Cómo é posible que a Deputación de Pontevedra sacase a licitación a contratación dun cacho da Rúa Areal SEN BALDOSAS?

Eu tiña por certo que as obras públicas non se poden licitar se non resultan útiles para o uso previsto, pero ó mellor non lin a letra pequena, e nela excepcionábase a Barro do cumprimento da Lei de Contratos.

Cabe intuir que esta mediocridade non sexa gratuíta, e que o fan así para “igualar a estética” do “crecemento urbanístico” maquinado polos políticos locais: As rúas onde se celebra a feira, urbanizadas con cargo ó Plan E, continúan todas pendentes de remate.

Algo incomprensible se pensamos no intenso uso peatonal que ten esa zona os Domingos, salvo que consideremos que son un bo lugar de estacionamento para furgonetas…

1

Non é, xa digo, o único caso: o “novo concello” (ese edificio almenado de metafórica linguaxe medieval) fíxose baixo a directriz dun proxecto incompleto e que obvia o cumprimento da normativa técnica e urbanística. O mesmo que o denominado “Pazo da Crega”, cascarón en obra utilizado irregularmente para actividades públicas e festas de simpatizantes.

E non entendades mal: cando digo simpatizantes quero dicir “xente de confianza”, porque non se lle pode alugar eso, nese estado, a calquera que logo poda presentar unha demanda por calquera incidente, tropezón, carencia… Así é que mellor non facerlle nin sequera un regulamento de uso, ¿non?

Pero, voltando a “intervención estrela” do 2014, executada con fondos provinciais, nela atopamos dous tipos de chapuza: a chapuza por consumación e a chapuza por ausencia.

3

A chapuza por ausencia é, en realidade, a que denuncia o BNG: a falta de seguridade derivada do feito de acometer a obra obviando o ensanchado e asfaltado do vial e a construcción da beirarúa oposta. Por suposto, nesta categoría inclúese a falta de pavimento.

A chapuza por consumación é a que se pode observar na desidia demostrada na elección e colocación desas exóticas barandillas: a quen as escolleu non semella preocuparlle moito que separan a zona de tránsito peatonal dun desnivel de máis de catro metros.

4

Por outra banda, os recovecos e fixacións, tal e como se aprecia nas fotografías, tampouco amosan moito interés no que se estaba facendo: cada tornillo é do seu pai; uns atorníllanse sobre dominio público e outros sobre o muro de contención (propiedade privada), os extremos non teñen remate… en fin…

5

Haberá que supoñer que o fixo o mesmo “artista” que colocou tamén alí o centro de transformación nesa especie de altar (¿ó enchufismo?) con barandillas que invitan ó salto…

6

Nesa ocasión o Concello, en lugar de aplicar a lei, tivo que poñer cartos para facer pagar un transformador que lle correspondía á promotora (ou eso ou desaloxar os veciños logo de concederlles a licencia de primeira ocupación, claro).

Agora, de novo, en lugar de aplicar o que pon o PXOM, pon cartos para pecharlle o solar a xa nin se sabe quen…
PXOM CONCELLO DE BARRO

Art. 39. DEBERES DOS PROPIETARIOS DE SOLO URBANO. g. Mentres non se leve a cabo a edificación dos solares estos deberanse de manter libres de maleza e en perfecto estado de limpeza e mantenerse pechados con materiais e cores axeitados ó entorno.

Fervenza da Barosa mantén activa ata 23 de xaneiro a recollida de alimentos para familias de Barro

LOGO PONTEVEDRA VIVA BARRO

A Asociación Cultural Amigos da Fervenza da Barosa aínda non dá por pechada a campaña ‘Nadal Solidario en Barro’, posta en marcha durante o mes de decembro.

Esta iniciativa, que chega á súa terceira edición, seguirá recollendo alimentos non perecedoiros para as familias necesitadas do municipio ata o día 23 de xaneiro.

O obxectivo pasa por superar os 500 quilos de alimentos recadados o pasado ano, e para iso mantéñense habilitados diversos puntos de entrega: os supermercados Día e San Antoniño en Perdecanai, o Froiz de Curro, as igrexas parroquiais de Perdecanai, Valiñas, Agudelo, Portela e Curro, o centro de saúde, o colexio público Amor Ruibal, IES Público de Barro e locais como Casa Oubiña, a de Maruja, a de Rial e Café-Bar Lareira.

Todos os alimetos que se recollan serán entregados aos Servizos Sociais do Concello de Barro.

Como acción de remate da campaña, o dís 23 Fervenza da Barosa organizará un desfile benéfico.

http://pontevedraviva.com/xeral/17164/fervenza-barosa-manten-activa-ata-23-xaneiro-recollida-solidaria-alimentos/

fervenza barro

Barro licita o servizo de control das instalacións deportivas

O Concello de Barro abriu o proceso de licitación do servizo de apertura e peche, vixilancia, limpeza e coidado das instalacións deportivas do municipio. O prezo de saída é de 14 euros por hora e a duración do contrato é por un ano, prorrogable ata un total de seis. Os interesados dispoñen de quince días para presentar as súas ofertas.

pabellon