A Portela (Barro) – Os veciños e veciñas do lugar do Briadoiro, na parroquia da Portela, veñen de dirixirse ao Concello para esixir a restitución do servizo de auga da Fonte dos Ceos e do coñecido “Picho”, logo de máis de dous anos de sufrir unha sabotaxe.
A Fonte dos Ceos e o Picho non só representan un servizo básico para a veciñanza, senón que forman parte do patrimonio histórico e etnográfico do Briadoiro. O Picho, en concreto, está estreitamente ligado aos antigos muíños fariñeiros da zona, e constitúe un elemento emblemático cunha antigüidade estimada de máis de douscentos anos. “Non é só unha cuestión de comodidade ou de uso diario. Estamos a falar dun ben común, dunha parte da nosa historia, que foi destruída sen consideración ningunha”, explican os veciños. A comunidade reclama que o Concello actúe con dilixencia para restablecer o servizo de auga canto antes, tomando as medidas legais oportunas. A situación ten xerado un fondo malestar entre os habitantes do Briadoiro, que ven con impotencia como o abandono e a desprotección institucional ameazan tanto o seu benestar como o seu legado cultural. Veciños do Briadorio.
Barro, 04 de setembro de 2025 — As familias de 5º de Primaria do CEIP Amor Ruibal queremos manifestar a nosa profunda preocupación ante a decisión da Consellería de Educación de reducir o apoio docente na nosa aula, unha medida que consideramos inxusta e prexudicial para o desenvolvemento académico e emocional dos nosos fillos e fillas.
Desde o curso de 6º de Infantil, e tras anos de valoración por parte da Inspección Educativa, concedéuselle ao centro un docente adicional para desdobrar o grupo e atender axeitadamente as necesidades específicas do alumnado. Esta medida mantívose durante cinco cursos consecutivos, permitindo unha atención máis personalizada e adaptada á diversidade da aula.
Porén, este ano, debido aos recortes, só se asigna medio profesor: un docente a xornada partida que só poderá apoiar dous días á semana nas materias troncais. Esta decisión chega xusto cando o grupo está a piques de dar o salto á educación secundaria, nun momento clave para o seu desenvolvemento.
A aula de 5º de Primaria conta actualmente con 24 alumnos, entre os cales hai varios con informes médicos e do departamento de orientación que acreditan necesidades educativas especiais. Ademais, un dos nenos presenta unha discapacidade recoñecida superior ao 33 %, o que segundo a normativa equivale a dúas prazas no cómputo da ratio. Isto sitúa o grupo nunha ratio de 26, o que xustificaría, como nos últimos anos, o desdobramento da aula en dous grupos.
As familias non podemos aceptar esta regresión nos recursos educativos. Consideramos que se vulnera o dereito dos nosos fillos e fillas a recibir unha educación equitativa, inclusiva e de calidade. Por iso, iniciamos mobilizacións para esixir que a Consellería reconsidere a súa decisión e manteña o reforzo docente que demostrou ser esencial para o benestar e a aprendizaxe do alumnado.
Facemos un chamamento aos medios de comunicación, á comunidade educativa e á sociedade galega para que se fagan eco da nosa situación. Non pedimos privilexios, senón xustiza educativa.
🎬 Aberta a convocatoria para o Concurso Curtas D-MEDO 🎬
📝 O prazo para a presentación de obras está aberto ata o 24 de outubro.
📍 Consulta as bases e información de participación no taboleiro de anuncios da Sede electrónica do Concello e Barro: https://barro.sedelectronica.gal/info.0 , na OMIX de Barro ou na web barro.gal
Barro, 20 de agosto de 2025. A Concellería de Benestar do Concello de Barro organiza unha viaxe ao parque Warner de Madrid prevista para o xoves 28 de agosto.
A actividade, cun máximo de 65 prazas, está destinada á veciñanza empadroada en Barro cun prezo de 38 euros por persoa, que inclúe a viaxe en autobús, a entrada e o seguro de asistencia en viaxe.
“O grupo poderá visitar libremente o parque ata o último momento da tarde. Dende a Concellería de Benestar apostamos por esta iniciativa colaborando co desplazamento en autobús, o seguro de viaxe e a xestión das entradas”, sinala a edil responsable da área Lía Rodríguez.
A saída terá lugar o xoves 28 ás 4 da madrugada da explanada do Pazo da Crega.
O prazo de inscrición permanecerá aberto dende hoxe ata o 26 de agosto ás 12 horas ou ata que se esgoten as prazas.
As persoas interesadas deben anotarse no Rexistro do Concello onde se lles facilitará a folla de inscrición que deberán cumplimentar e o número de conta da axencia de viaxes para realizar o abono correspondente.