NOTA DE PRENSA.
A política medioambiental iniciada esta lexislatura pola Concellería de Servizos de Barro está a demostrar unha tendencia positiva na xestión de biorresíduos e no aumento da recollida selectiva.
O balance ofrecido polo Tenente de Alcalde e responsable da área de Servizos, José Sanmartín, arroxa “datos excelentes” da xestión de resíduos durante o exercicio de 2025 en comparación co ano anterior.
Así, a cifra máis destacable son as 30 toneladas menos enviadas a Sogama durante o ano pasado,o que supuxo un aforro para as arcas municipais duns 5.000 euros.
Un dato vinculado moi estreitamente ao bo comportamento da veciñanza, con respecto á compostaxe comunitaria e individual.
En concreto, entre os 244 composteiros domésticos distribuidos no rural e o centro comunitario de San Antoniño foron tratadas un total de 31 toneladas.
No que respecta aos envases, tamén se rexistra un aumento notable de 27 toneladas recollidas, pasando de 64 en 2024 a 91 toneladas en 2025.
En canto ao reciclaxe de papel e cartón, o dato é igualmente positivo, sumando un total de 10 toneladas.
Nestes dous casos, con custe cero para o concello, os incrementos da recollida selectiva veñen provocados polo maior número de contenedores que a Concellería de Servizos foi instalando ao longo do ano e que seguirá ampliando nos vindeiros meses.
No que respecta a xestión de voluminosos, obsérvase un incremento de sete toneladas ata chegar ás 30 toneladas de enseres recollidos porta a porta.
A parte máis negativa é a recollida selectiva de vidro que baixou nun ano de 48 a 37 toneladas, polo que o tenente de alcalde anuncia que se implantarán en breve dez novos iglús en diferentes puntos das parroquias.
Como últimos datos, Sanmartín apunta o interese da veciñanza por reciclar tamén outros elementos como aceite, con unha tonelada recollida, e téxtil con nove toneladas depositadas.
Sanmartín agradece á veciñanza, hostelería e comerciantes a súa implicación na xestión dos resíduos na que estima un aforro global de arredor duns 15.000 euros nun ano.
De feito, a súa intención é dar continuidade ás accións para mellorar a xestión dos biorresíduos, para o que a Concellería de Servizos solicitará cen novos composteiros individuais e 240 caldeiros domésticos a través dunha subvención da Consellería de Medio Ambiente con fondos europeos.
