Desbroce dos camiños e pistas municipais

desbroze

Creación dun centro de Día no edificio Multiusos

multiusos

Concentración para demandar seguranza viaria na N-550 ao seu paso por Barro

O BNG convocou unha concentración para o sábado 21 de xuño ás 21 h. no cruce da rúa Areal coa N-550 en Barro para demandar das administracións competentes (Ministerio de Fomento e Concello de Barro) que adopten as medidas necesarias para pór fin a este ponto negro da N-550, que leva acumulado xa innumerábeis accidentes de tráfico.

O problema non é novo. Desde hai 5 anos tanto os veciños como o BNG vimos demandando do Concello e o Ministerio de Fomento a adopción de medidas para rematar co perigo que supón esta estrada para a seguranza viaria, sen que se adoptase ningunha solución.

Recentemente foron entregadas no Concello máis de 400 sinaturas reclamando carrís de espera na N-550 e unha rotonda na entrada da rúa Areal. O goberno municipal do PP, non obstante, votou en contra dunha moción do BNG que pedía exactamente o mesmo.

Os veciños e veciñas temos que seguir esixindo solucións, antes de que nese cruza aconteza unha desgraza irreparábel. Para que o día de mañá non teñamos que lamentalo é hora de moverse e esixir solucións.

Por iso, para rematar co perigo que supón cruzar a N-550 nese punto, para que non teñamos que padecer máis accidentes de tráfico, convocamos esta concentración o sábado 21 de xuño ás 21 h. no cruce da rúa Areal coa N-550.

CONCENTRACION CONCELLO BARRO

Mellora da seguranza viaria na PO-531 (Curro-Pontevedra)

bng barroSr. Alcalde:

O abaixo asinante, Xosé Manuel Fernández Abraldes, Portavoz do BNG no Concello de Barro, presenta a seguinte MOCIÓN referente á mellora da seguranza viaria na PO-531 (Curro-Pontevedra).

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

A estrada PO-531 soporta unha moi alta intensidade de transito, nun entorno densamente poboado, polo que supón unha gran perigosidade para toda a xente que circula por ela co seu vehículo, pero sobre todo para os peóns.

No ano 2009 quedou aprobado o proxecto de mellora da mesma, despois de chegar ao acordo cos representantes veciñais e forzas políticas, conseguindo que as actuacións a levar a cabo na mesma priorizasen a seguridade dos peóns e a humanización da estrada, dándolle un tratamento de travesía urbana ao seu paso pola parroquia de Curro.

Pero despois da chegada do PP a Xunta foron contínuas as dilaciós e as disculpas para non contratar as obras que xa tiñan unha partida económica reservada nos orzamentos da Xunta.

Co paso dos anos eses cartos foron destinados a outras obras e o proxecto de mellora da PO-531 meteuse nun caixón.

Recentemente tanto os representantes veciñais como o BNG de Barro reclamamos a inmediata execución dese proxecto, e que mentres non se levase se reparase, cando menos, totalmente o seu firme, xa que está nun estado lamentábel, o que aumenta a sua perigosidade.

Dende a Xunta confirmaron que van acometer a reparación do firme, pero que o proxecto de mellora integral da estrada vai seguir por moitos anos metido nun caixón.

Esa decisión política do goberno do PP significa manter a perigosidade da estrada, e se cabe aumentala aínda máis, pois coa mellora do firme a velocidade dos vehículos vai ser aínda maior.

E por eso que ademáis de proceder a mellora do firme, deben tomarse medidas para calmar o tráfico e o pintado de pasos de peóns para dotar de maior seguridade a todos os veciños e veciñas que teñen que cruzar esta estrada todos os días, tomando como referencia os pasos de peóns previstos no proxecto de mellora acordado no seu día.

Por todo isto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación Municipal a adopción do seguinte

1. Instar á Xunta de Galiza a adoptar medidas de calmado do tráfico e pintado de pasos de peóns onde estaban previstos no proxecto de mellora da PO-531, mentres non se acometa a súa reforma integral.

Barro, 22 de maio de 2014

Asdo: Xosé Manuel Fernández Abraldes

 

corazón na GALIZA futuro na TERRA!

BNG DE BARRO

O BNG-Barro esixe medidas de seguridade viaria no San San Antoniño

Os problemas de tráfco no nucleo urbano de San Antoniño veñen provocados porque no seu momento non se tivo en conta que construir un núcleo urbano ás beiras da N-550 esixía deseñar acceso seguros ás distintas rúas, tanto para os peóns como para os vehículos.

Existe un punto de especial perigo, que é o cruce coa rúa Areal e de acceso ao tanatorio, xa que non existen zonas de espera, e os vehículos teñen que parar nos carrís de circulación, co conseguinte perigo de colisión.

Ao longo deses anos xa se levan producido moitos accidentes, e os veciños e veciñas que teñen que acceder nese punto tanto ás súas vivendas como ao tanatorio municipal, teñen que padecer todos os días unha situación de risco.

Xa no outono de 2009, o BNG convocou unha asemblea veciñal e, posteriormente, presentou unha moción no Concello para que se adoptasen medidas para a seguridade vial nesta estrada. Daquela propuxemos a construción dunha rotonda no lateral da N-550 na entrada da rúa Real que servise para acceder con seguridade á mesma e que permitise o cambio de sentido, e o pintado de carrís de espera e incorporación na N-550 para acceso ao cruce. Pero nin o Concello nin o ministerio de Fomento fxeron nada a día de hoxe para solventalos.

Recentemente foi aprobada unha actuación de mellora na rúa Areal, que non contempla a construción da rotonda nin ningunha outra actuación que mellore a seguridade do cruce. Para o BNG isto supón unha grande irresponsabilidade, pois en calquera momento se poden producir accidentes máis graves que os que se produción até agora.

Ante a pasividade das administracións competentes, o BNG presentou unha nova moción e volveu convocar unha charla informativa cos veciños, acordándose comezar unha campaña de recollida de sinaturas para demandar a adopción de medidas efcientes para mellorar a seguranza viaria na N-550.

Barro 3 de maio de 2014

Xosé Manuel Fdez. Abraldes

licesio

PROBLEMAS DE TRÁFICO NO SAN ANTONIÑO

BARRO-PROBLEMAS-TRÁFICO-SAN-ANTONIÑO

MOCIÓN referente á recuperación dun acceso peonil seguro na zona norte do recinto escolar

bng barroSr. Alcalde:

O abaixo asinante, Xosé Manuel Fernández Abraldes, Portavoz do BNG no Concello de Barro presenta a seguinte MOCIÓN referente á recuperación dun acceso peonil seguro na zona norte do recinto escolar.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

O recinto do colexio público ten dúas entradas, e as dúas son un perigo para o acceso das nenas e nenos que asisten ao mesmo sen utilizar o transporte escolar. A entrada da parte de arriba do recinto é onde deixan aos nenos e nenas os autobuses, polo que de ser utilizada tamén por todos os que acceden andando ou en coches particulares a situación que se crearía nesa pista sería aínda moito máis perigosa do que xa é, sen un espazo de aparcamento adecuado nin para os buses.

O colexio conta con outro acceso perigoso, mediante unha escalinata na súa parte baixa.

Este acceso estivo prohibido para o alunado desde que se construíu o colexio.

A entrada pensada polo alunado sempre foi a través dunha cancela na cara norte do recinto, onde antigamente se situaba a casa do médico. Incomprensiblemente o goberno municipal do PP fai anos que a suprimíu, sen ter en conta que desa maneira obriga aos nenos e nenas a acceder por entradas moi perigosas.

Recentemente o alcalde ven de anunciar o adecentamento do contorno da zona norte do recinto escolar. Desde o BNG concordamos con este adecentamento, e solicitamos que se aproveite para recuperar a entrada que había nesa zona do recinto, tal como levan reclamando, dende hai anos, os pais e nais.

Por todo isto o Pleno do concello de Barro aproba a seguinte

Recuperar o acceso peonil seguro no marco do anunciado arranxo da zona norte do recinto escolar.

Barro, 7 de abril de 2014

Xosé Manuel Fernández Abraldes

 

MELLORAS NA ORGANIZACIÓN DA FESTA DO VIÑO

BNGSr. Alcalde:

O abaixo asinante, Xosé Manuel Fernández Abraldes, Portavoz do BNG no Concello de Barro presenta a seguinte MOCIÓN referente a melloras na organización da Festa do Viño.

 EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

A “Festa do Viño” naceu para promocionar o viño do noso concello, pero ese obxectivo pasou nos últimos anos a un segundo plano.

Parécenos ben que se promocione a denominación de orixe “Rías Baixas”, na que estamos integrados, pero os viños producidos en Barro teñen que ter unha promoción especial recuperando a idea inicial desta festa.

Tamén consideramos que os protagonistas de dita festa deben ser os productores de viño, polo que aplaudimos que na edición do 2013 os premios dos concursos, fosen entregados por produtores e membros da organización, e non por representantes políticos como se viña facendo en edicións anteriores.

Como consideramos que o certame Rías Baixas lle dá realce á nosa festa pensamos que debemos de contar coa colaboración plena do consello regulador da denominación. Neste sentido consideramos que debería ser o Consello Regulador quen nomeara o comité de cata de dito certame ao igual que o fai noutras festas da provincia.

A festa do viño ademais de servir para a promoción deste producto tan presente no noso concello, cumpre tamén un papel lúdico do que gozan moitos veciños e veciñas. Non obstante, tendo en conta a situación económica que estamos a vivir hai que procurar racionalizar o gasto o máximo posíbel. Un dos aspectos no que recortar gastos é o xantar oficial que se celebra o domingo da festa, que ten que deixar de ser gratuíto para as persoas que non formen parte da organización ou representantes das empresas que contribúen economicamente

Por todo isto o Pleno do concello de Barro aproba a seguinte

MOCIÓN:

  1. As adegas do concello de Barro terán un espazo propio dentro do certame Rías Baixas
  2. A entrega de premios farana membros da organización ou produtores
  3. Pedirase ao Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas que nomee un comité de cata para o certame.
  4. O xantar oficial que se celebra o domingo só será gratuíto para as persoas que formen parte da organización ou representantes das empresas que contribúen economicamente á festa

Barro, 26 de marzo de 2014

Xosé Manuel Fernández Abraldes

 

MOCIÓN contra o desmantelamento do 065 do Servizo Galego de Transporte Adaptado

BNG Sr. Alcalde:

O abaixo asinante, XoséManuel Fernández Abraldes, Portavoz do BNG no Concello de Barro, presenta a seguinte MOCIÓN contra o desmantelamento do 065 do Servizo Galego de Transporte Adaptado

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

O Servizo Galego de Transporte Adaptado (065), que atende as persoas con discapacidade e dependentes, foi instaurado por iniciativa do BNG no goberno bipartito da Xunta de Galiza e constituíu o primeiro transporte adaptado público de todo o Estado español.

A partir do acceso do PP ao goberno da Xunta de Galiza, este servizo básico, bautizado como Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal (065) comezou a sufrir un deterioro constante que ten a súa culminación na decisión da Xunta de deixar de prestar o servizo para o traslado diario ou semanal das persoas dependentes aos centros onde van ser atendidas nas súas terapias.

Este feito, xustificado polo PP con base nunha pretendida racionalización e eficacia, tradúcese simplemente no desmantelamento do servizo do 065, para non atender o desprazamento regular de persoas dependentes nin para garantir a mobilidade das persoas con maiores dificultades. En cambio, non teñen reparo en crear para o Consorcio de Benestar un transporte propio para as persoas usuarias dos seus centros.

Isto é outro paso na eliminación dos programas e servizos de dependencia e benestar que sufrirán novamente as persoas máis débiles, neste caso as que teñen maiores dificultades para se trasladaren e poder recibir atención como consecuencia do seu estado.

Ademais, a decisión do goberno do PP vai provocar unha perda importante de postos de traballo. De feito, o novo concurso para contratar o servizo na comarca de Ferrolterra, en Verín, O Barco de Valdeorras, Vigo e Pontevedra, ficou deserto, o que provocou a súa suspensión a partir do 8 de marzo de 2014.

Por este motivo o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación Municipal á adopción do seguinte

ACORDO

Instar á Xunta de Galiza a:

  1. Paralizar o desmantelamento do Servizo do transporte adaptado do 065.
  2. Garantir o desprazamento regular das persoas dependentes e a mobilidade das persoas con maiores dificultades.

Barro, 18 de marzo de 2014

Asdo: XoséManuel Fernández Abraldes

MOCIÓN referente ao arranxo da PO-531

bng111

 

Sr. Alcalde:

O abaixo asinante, Xosé Manuel Fernández Abraldes, Portavoz do BNG no Concello de Barro, presenta a seguinte MOCIÓN referente ao  arranxo da PO-531 (Curro-Pontevedra).

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

A estrada PO-531 leva moitos anos agardando por unha reforma integral que mellore a súa seguridade, tanto para a circulación de vehículos como para o tránsito peonil.

Despois de anos de loita veciñal e política conseguiuse que se modificase o proxecto inicial da Xunta de Galiza,  mediante un acordo que aseguraba a súa humanización e garantía a seguridade e a mellora do seu trazado.

Pero o goberno do PP aparcou sine die a realización desta obra, sumindo a estrada nun total abandono. Despois deste duro inverno a estrada  ten moitísimos baches e problemas co firme, facéndoa insufríbel para condutores e vehículos e supoñendo un grave problema de seguridade viaria.

Por todo isto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación Municipal a adopción do seguinte

ACORDO

1.   Instar á Xunta de Galiza a retomar o proxecto acordado de reforma da PO-531. Mentres non se produza, que proceda á reparación inmediata do seu firme en todos aqueles puntos que hoxe están totalmente deteriorados.

Barro, 13 de marzo de 2014

Asdo: Xosé Manuel Fernández Abraldes

Iniciativa Lexislativa Popular pola creación de emprego en Galiza

BNG de BARRO. Hai alternativas para crear emprego e sair deste modelo económico, pero esas alternativas nunca poden pasar por tornar aos ricos máis ricos e aos pobres máis pobres, que é o que está a pasar coas medidas que están a tomar os gobernos do PP.

A CIG presentou unha iniciativa con medidas para a creación de emprego en Galiza, que o BNG apoia, e estanse recollendo sinaturas para poder defendela no parlamento.

Para presentar esas propostas o vindeiro sábado 22 ás 20:30 h. vaise celebrar un acto público na biblioteca de Barro, organizado conxuntamente polo BNG e a CIG.

sinaturas

A Lei do Aborto a debate co BNG en Barro

la gaceta de galicia

Estarán no encontro o portavoz municipal do BNG, Xosé Manuel Fernández Abraldes, a xornalista e blogueira, Diana López, e a concelleira de Igualdade no Concello de Pontevedra, Carme Fouces. A charla informativa incidirá na perda de dereitos e liberdades en materia de planificación familiar, que trai a aprobación por parte do PP do anteproxecto de Lei do Aborto o pasado 20 de decembro. A aprobación da lei vulnera dereitos fundamentais das mulleres e criminaliza prácticas consolidadas no exercicio das liberdades sexual e reprodutiva que afectan tanto a mulleres coma homes.

A supresión do dereito a interromper o embarazo nas primeiras 14 semanas foi un dereito adquirido en 2010 que permite ás parellas efectuar unha planificación familiar acorde coa situación socioeconómica particular. O anteproxecto aprobado polo PP converterá en delito o aborto, agás nos supostos de violación ou “grave perigo para a vida ou a saúde física ou psíquica da embarazada”. O proxecto tamén elimina o suposto que permite abortar en caso de malformación do feto e dificulta a interrupción do embarazo mesmo en aqueles casos en que aínda seguirá sendo legal o aborto. O BNG acusa ó PP de impoñer con este proxecto de lei “o programa ideolóxico dos grupos ultrarelixiosos e do propio PP, que se opoñen aos dereitos das mulleres sen responder, en ningún caso, a criterios económicos nin sanitarios”. E convida aos veciños e veciñas de Barro a asistir o acto público para falar deste anteproxecto de Lei e do que supón unha importante perda de dereitos e liberdades na planificación familiar.

http://www.lagacetadegalicia.com/a-lei-do-aborto-a-debate-co-bng-en-barro/

BNG BARRO

Acto contra o recorte de dereitos e liberdades. Polo dereito ao aborto ! libre e gratuíto!

Sábado 15 ás 20:30 h. na Biblioteca pública de Barro

bng barroO PP aprobou o pasado 20 de decembro, o seu anteproxecto de Lei do Aborto, que representa un retroceso de décadas e que vulnera dereitos consolidados das mulleres no relativo á súa saúde sexual e reprodutiva.

A nova lei do PP pretende aplicar o programa ideolóxico dos grupos ultra relixiosos e do propio PP, que se opoñen aos dereitos das mulleres sen responder, en ningún caso, a criterios económicos nin sanitarios. Interromper o embarazo nas primeiras 14 semanas foi un dereito adquirido en 2010 e agora vai ser un delito, agás en certos supostos (violación ou ‘grave perigo para a vida ou a saúde física ou psíquica da embarazada’). Elimínase, desta maneira, o suposto de malformación do feto ao tempo que se poñen trabas para poder abortar mesmo dentro dos supostos que se recoñecen. As mulleres de 16 e 17 anos que quixeren abortar deberán requirir o permiso do pai e da nai, tal como era antes do ano 2010.

Estamos, pois, ante unha lexislación que obriga as mulleres a teren crianzas non desexadas ou a procuraren solucións fóra das fronteiras dun estado que pasa a situarse na cola nesta materia e a ser un referente na perda de liberdades e dereitos adquiridos. Lembremos que a lexislación de que gozamos na actualidade (que non responde con total garantía a aquilo que o BNG defende nesta materia) non obriga a ninguén a abortar, só parte do suposto de a maternidade ser unha opción e non unha obriga.

Para falarmos deste anteproxecto de Lei e do que significa de perda de dereitos e liberdades das mulleres, o BNG convida aos veciños e veciñas de Barro a asistir o acto público que terá lugar o vindeiro sábado, día 15 de febreiro, ás 20:30 h. na Biblioteca Pública de Barro, e que contará coa participación do Portavoz Municipal do BNG, Xosé Manuel Fernández Abraldes, da xornalista e blogueira, Diana López, e da concelleira de Igualdade no Concello de Pontevedra, Carme Fouces.

BNG BARRO

POLO DEREITO A DECIDIR.Biblioteca de Barro

A reforma da lei do aborto que pretende o goberno do Partido Popular co beneplácito eclesiástico pretende recortar as liberdades até tal punto que as mulleres non poderán decidir no seu propio corpo e, por contra, si poderán decidir no corpo das mulleres o ministro ou o bispo de turno.

Esta volta á Idade Media non é máis que a extrema dereita en estado puro e coa cara ao descuberto. Unha extrema dereita á que só lle importan as crianzas antes de nacer, porque cando nacen dálle igual que vaian á escola sen almorzar ou pasen o inverno sen calefacción.

Prohibir o aborto non vai reducir o número destes, senón que vai incrementar o risco para a vida das mulleres porque se realizarán igualmente, mais será en condicións inseguras en clínicas clandestinas ou fomentarase o turismo sanitario, viaxando a países veciños para abortar.

A única solución é pararlle os pés ao Partido Popular revelándonos en contra deste retroceso histórico.

Porén, o sábado 15 ás 20:30 teremos unha charla para dar a coñecer polo miúdo este tema.

Contaremos coa presenza de Xosé Manuel Fez. Abraldes, portavoz municipal, de Diana López Varela, xornalista e blogueira e de Carme Fouces, concelleira de igualdade do concello de Pontevedra.

BNG BARRO