Este fin de semana o BNG de Barro segue coas Asembleas Abertas polas parroquias, desta volta na Portela.
O BNG mostra as propostas para a parroquia e para o concello, así como escoitar e recoller as dos veciños.
A segunda das Asembleas Abertas parroquiais será en Agudelo. Como vimos facendo en todas as Asembleas exporemos as nosas propostas á veciñanza para o concello e para a parroquia de Agudelo e recolleremos todas as achegas e aportacións que nos fagades.
Achégate!
No último pleno voltamos escoitar unha perla desas ás que nos ten acostumados o alcalde. Desta volta foi facendo referencia ao Castro do monte Güimil, en Agudelo. Dixo: “Alí non hai nada de interese. Cando os da Universidade fixeron uns buratos só apareceron unhas pedras sin importancia e volveron tapar o buratos, por iso non lle pagamos”.
Non sabemos se minte como de costume ou se realmente ignora a importancia deste Castro. O informe técnico da Universidade de Santiago de Compostela do ano 2008 di todo o contrario, resaltando que estamos ante un xacemento de altísimo valor, tanto polo seu tamaño como pola súa importancia histórica e estratéxica:
“A ubicación do Castro parece responder claramente á función de control das vías de tránsito (vía XIX que comunicaba Brácara Augusta con Astúrica Augusta). Igualmente, este emprazamento proporciónalle unha ampla visibilidade, sobretodo a longa distancia o que lle permite un dominio visual da entrada da Ría de Arousa e dun tramo da desembocadura do río Ulla (…) un dos dous ríos navegables xunto co Miño polo que exercían un control visual sobre unha importante vía de comunicación e transporte.
A abundante presencia de materiais cerámicos de importación (…) parecen indicarnos que o Castro do monte Güimil se atopa integrado nun circuito comercial amplo ,e que podería desenvolver un papel como posible lugar central e de distribuciónde materiais cara o interior.
(…) O gran tamaño do poboado, entre 5 e 6 hectáreaspermítennos pensar que tivese unha función como lugar central a partires do cal poderían distribuirse de maneira equidistante unha serie de castros máis pequenos (…).
Así pois, valorando en conxunto todos os factores podemos concluir que nos atopamos ante uns dos máis grandes poboados que se desenvolven na área meridional castrexa (…). Estaríamos pois ante un poboado que xorde en torno ao século I a.C. (…) pero a pesar de todo non é descartable que noutras partes do xacemento poida haber ocupacións anteriores.”
O BNG-Asembleas Abertas comprométese a que o castro sexa un polo de interese tanto cultural como económico para o noso concello. Está claro que se o PP sigue gobernando, a nosa historia seguirá enterrada e as posibilidaes de dinamización económica do concello seguirán mutiladas.
O BNG comeza unha rolda de Asembleas Abertas parroquiais e abrimos pola de Barro. Queremos explicar as nosas propostas para mellorar o concello e a parroquia e tamén escoitar as propostas que @s veciñ@s nos queiran achegar.
Achégate!
Venres 10 de abril ás 21h en Cangrallo.
Sr. Alcalde:
O abaixo asinante, Xosé Manuel Fernández Abraldes, Portavoz do BNG no
Concello de Barro presenta a seguinte MOCIÓN prohibir os circos con
animais en terreos públicos do concello.
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:
Os circos con animais implican unha enorme crueldade, tanto polas condicións
de aloxamento, alimentación, transporte e socialización como polos brutais e
violentos métodos de adestramento.
Ao mesmo tempo, os circos con animais ofrecen unha visión da realidade
distorsionada e antieducativa. Os nenos e nenas, público maioritario destes
espectáculos, deberían ser educados no respecto cara aos seres vivos e a
natureza, e estes espectáculos non contribúen en nada a esta sensibilización.
Por todo isto o Pleno do concello de Barro aproba a seguinte
MOCIÓN:
O Concello de Barro acorda non autorizar a instalación en terreo público de
circos que teñan espectáculos con animais.
Xosé Manuel Fernández Abraldes
O abaixo asinante, Xosé Manuel Fernández Abraldes, Portavoz do BNG no Concello de Barro presenta a seguinte MOCIÓN relativa ao abastecemento de enerxía eléctrica ao polígono industrial.
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:
A dotación do abastecemento de enerxía eléctrica ao polígono de Barro é unha necesidade urxente. Resulta inexplicábel que despois de tantos anos o polígono aínda non dispoña dese servizo, imprescindíbel para o asentamento de empresas.
Despois de máis de catro anos de tramitación, comezaron as obras para levar unha liña de alta tensión ao polígono, ao mesmo tempo que estaba de novo o proxecto a exposición pública. Os veciños de Valbón alegaron polo paso da mesma por este lugar.
É comprensíbel a preocupación destes veciños derivada da falta de transparencia e de diálogo con que os gobernos levaron este tema.
As obras consisten na apertura dunha gabia de grande profundidade para soterrar o tendido, polo que a execución das mesmas vai ocasionar molestias. Por iso é preciso que as obras se executen por treitos e coa maior celeridade para minimizar os problemas que unha obra destas características ocasiona.
Por todo isto o Pleno do concello de Barro aproba a seguinte
MOCIÓN:
1. Dirixirse á Xunta de Galiza e á Deputación para que se resolva coa máxima urxencia o novo proceso de exposición pública e a toma en consideración das alegacións dos veciños.
2. Que as administracións manteñan unha permanente vixianza e control para que as obras ocasionen as menores molestias posíbeis tanto aos negocios como aos veciños.
Barro a 24 de marzo de 2015
Xosé Manuel Fernández Abraldes
O abaixo asinante, Xosé Manuel Fernández Abraldes, Portavoz do BNG no Concello de Barro presenta a seguinte MOCIÓN para a inclusión do Castro de Sete Fontes (no monte dos Casás) no Plan de recuperación de Castros da Deputación.
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:
O castro de Sete Fontes, sito no monte dos Casás é, sen lugar a dúbidas, un dos de maior valor histórico de toda a comarca, tal e como puxeron de manifesto expertos arqueólogos. Neste castro só se realizaron até o momento unhas mínimas catas por parte da Universidade de Santiago, nas que apareceron achádegos de grande valor. Mais por desgraza eses traballos de excavación e estudo, realizados xa hai anos, non continuaron.
En setembro de 2013, o BNG presentou unha moción para que se incluise o castro nas actuacións anunciadas pola Deputación e o Ministerio de Fomento para a recuperación e posta en valor de castros da provincia.
Por desgraza, Barro xa quedou fóra no seu día do investimento de 2,5 millóns de euros feitos pola Xunta de Galiza e a Deputación, e agora vai camiño de non ver nin un euro dos 6,5 millons do novo plan Deputación-Ministerio de Fomento para continuar coa rehabilitación deste patrimonio histórico.
Este investimento vai servir tanto para dar a coñecer e pór en valor o noso patrimonio historico, como para crear emprego e actividade economica asociada ao atractivo turistico que poderían representar estes asentamentos historicos.
Por todo isto o Pleno do concello de Barro aproba a seguinte
MOCIÓN:
1. Solicitar á Deputación que inclúa o Castro de Sete Fontes neste novo programa de recuperación de castros.
Barro, 24 de marzo de 2015
Xosé Manuel Fernández Abraldes
O abaixo asinante, Xosé Manuel Fernández Abraldes, Portavoz do BNG no Concello de Barro presenta a seguinte MOCIÓN contra a privatización do servizo público que prestan os rexistros civís.
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:
Os Rexistros Civís son un servizo público desde 1871. Case un século e medio despois, o goberno do Estado, preidido por Mariano Rajoy pretende pór fin a este servizo público.
No ano 2011, o ex ministro Gallardón xa deu o primeiro paso para esta privatización coa Lei 20/2011.
Para enterrar definitivamente ese servizo público, o goberno presidido por Rajoy non precisa dunha norma ad hoc. Para iso nada mellor que aproveitar unha Disposición Adicional. Así no Real Decreto-Lei 8/2014, cun texto dunhas 170 páxinas, aparecen as disposicións adicionais 20 a 24 que lle serven para privatizar ese servizo público, pondo o mesmo nas mans dos Rexistros Mercantís (cinco en toda Galiza). Tamén se crea por disposición adicional unha corporación de dereito público que será a encargada da contratación que teña por obxecto a creación, mantemento, posterior xestión e seguranza do sistema informático único e a súa rede de comunicación.
Esta privatización non ten máis que efectos negativos, entre os que compre sinalar os seguintes:
•Un servizo público gratuíto deixará de selo, via aranceis, taxas ou calquera outro medio, pois ninguén cre que os rexistradores van asumir tales competencias sen compensación algunha.
• A supresión de todos os rexistros civís existentes, concentrando en dous na provincia de Pontevedra, supón un grave prexuízo para os que vivimos noutros concellos, que nos vemos obrigados a desprazarnos. Esta centralización non se entende.
• Despois de gastar centos de millóns de euros na informatización de datos, cando menos dende o 1952, póñense estes en mans privadas.
Xa en maio de 2013 o BNG presentou unha moción (que foi aprobada por unanimidade pola corporación municipal) demandando o mantemento do xulgados de paz e contra a privatización dos rexistros civís.
Por todo isto o Pleno do concello de Barro aproba a seguinte
MOCIÓN:
1. Instar ao goberno do Estado á supresión ou derogación do contemplado nas disposicións adicionais 19 a 24 e a disposición final do Real-Decreto-Lei 8/2014 que privatiza os Rexistros Civís.
Barro, 24 de marzo de 2015
Xosé Manuel Fernández Abraldes
Conversa con Xosé Manuel Fernández Abraldes, onde nos explica que quere dicir cando di que Barro é un concello de primeira e impostos e de terceira en servizos, que será o primeiro que faga cando sexa alcalde ou cales son as necesidades máis urxentes que ten Barro hoxe. Non o perdas.
Na xestión municipal o uso que se lle debe dar tanto aos cartos como aos edificios e equipamentos públicos é aquel ao que se lle saque maior proveito social e máis posibilidades de uso por parte dos veciños e veciñas.
Por iso no BNG non estamos de acordo co traslado das oficinas municipais para o que ía ser Casa da Cultura e edificio multiusos. Ese edificio, que se leva construíndo case 20 anos, xa naceu mal. Sen proxecto e sen orzamento previo, foi un saco sen fondo de gastar diñeiro. Houbo que reformalo internamente varias veces e, ao final, o goberno do PP, ao ser incapaz de conquerir as dotacións necesarias para os fins sociais, decidíu destinalo para o que non estaba previsto.
Xa fai catro anos que se investíu outro medio millón de euros en acondicionar o primeiro andar co obxectivo de trasladar para alí a oficina de servizos sociais e a biblioteca municipal, un traslado que o BNG apoiou xa que estaban nunhas condicións lamentábeis. O que non estaba previsto é o uso que agora decidíu o PP: trasladar a oficina de servizos sociais e todas as oficinas municipais, esquecéndose da biblioteca e a Casa da Cultura.
Barro ten unha carencia absoluta de equipamentos socio-culturais. Por iso dedicar este edificio a oficinas municipais é un verdadeiro despilfarro de cartos públicos.
Barro a 24 de febreiro de 2015
Boletín Municipal do BNG de Barro. Febreiro 2015
https://novasdebarro.com/wp-content/uploads/2015/02/boletc3adn-barro-nc2ba20.pdf
Barro segue gobernada como nos anos 70 do século pasado, sen unha visión de futuro, sen unha mínima planifcación de cara onde se quere ir e sen atender as necesidades básicas dunha sociedade moderna e dinámica.
As chapuzas, os despilfarros e as mentiras foron os sinais de identidade do PP ao longo destes 32 anos. Un mal goberno que acabamos pagando todos os veciños e veciñas. Somos un Concello de primeira á hora de pagar impostos e un de terceira á hora de contar cos servizos necesarios.
Rachar con esta situación de parálise e de falta de expectativas faise imprescindíbel. E para iso se presenta o BNG, cuns obxectivos claros e co aval do noso traballo político, social e institucional durante todos estes anos. Estes obxectivos son:
1) Devolverlle o Concello ao Pobo, que a xente de Barro sexa a PROTAGONISTA. O BNG promoverá a participación da veciñanza na vida municipal, xa que esta participación é fundamental para a transformación do concello. Os veciños e veciñas teñen que ser os verdadeiros protagonistas. Escoitar, Dialogar e Consensuar serán elementos centrais da nosa acción de goberno.
2) Facer unha xestión efcaz dos recursos públicos, rematando co despilfarro do PP. Somos conscientes que o diñeiro é dos veciños e veciñas de Barro e ten que revertir na mellora da súa calidade de vida.
3) Aproveitar a inmellorábel situación xeográfca do noso Concello para dinamizar a vida social e a economía, facilitando a creación de emprego.
Para lograr estes obxectivos o BNG presenta unha candidatura solvente, con capacidade, e ilusionada, froito do proceso de Asembleas Abertas que nos servíu para que moitas persoas preocupadas pola situación do Concello se incorporasen ao noso proxecto.
Trátase dun equipo, con capacidade de diálogo e de traballo, no que máis de un tercio son novas incorporacións. Na candidatura hai xente xubilada e xente nova, xente con traballo e xente no paro, xente toda ela cunha intensa actividade social e compromiso cos veciños, xente que participa das directivas das Xuntas de Montes, do asociacionismo cultural, de clubes deportivos, das plataformas reivindicativas, … en fn, un refexo do máis dinámico da nosa sociedade.
1. Xosé Manuel Fernandez Abraldes (parroquia de Perdecanai)
2. Roberto Rivas Reboredo (parroquia de Valiñas)
3. Amelia Cancela Cancela (parroquia de A Portela)
4. Antonio Giraldez Outeda (parroquia de Curro)
5. Rosa Rodriguez González (parroquia de Barro)
6. Adrián Silva Magdalena (parroquia de A Portela)
7. Iván Bello Ferreiro (parroquia de Barro)
8. Rocío Martinez Sartal (parroquia de Curro)
9. Roberto Beade Freaza (parroquia de Agudelo)
10. Paula Gómez Calvo (parroquia de Barro)
11. María Xesús Castro Calviño (parroquia de A Portela)
12. Alberto Maquieira Villar (Sana Antoniño)
13. Santiago Pazos Ucha (parroquia de Perdecanai)
14. Laura Sánchez García (parroquia de Agudelo)
15. Luis Javier Vila Piñeiro (parroquia de Perdecanai)
16. Ana Roma Agraso (parroquia de Curro)
17. Marisela Abal Seijo (parroquia de Agudelo)
18. Juan Outeda García (parroquia de Curro)
19. Jesús Romay Méndez (parroquia de Agudelo)
20. María Outón Fernandez (parroquia de A Portela)
21. Licesio Fontán Abal (parroquia de Agudelo)
No lugar de Parada, as augas de escorrentía da AP-9 chegan a formar unha fervenza que estraga as pistas do lugar. O goberno municipal do PP leva tempo mirando para outro lado, e agora, ademais de cortar a auga é preciso asfaltar.
A incapacidade e a falta de acción do alcalde cústalle cartos aos veciños de Barro.