Barro, 04 de setembro de 2025 — As familias de 5º de Primaria do CEIP Amor Ruibal queremos manifestar a nosa profunda preocupación ante a decisión da Consellería de Educación de reducir o apoio docente na nosa aula, unha medida que consideramos inxusta e prexudicial para o desenvolvemento académico e emocional dos nosos fillos e fillas.
Desde o curso de 6º de Infantil, e tras anos de valoración por parte da Inspección Educativa, concedéuselle ao centro un docente adicional para desdobrar o grupo e atender axeitadamente as necesidades específicas do alumnado. Esta medida mantívose durante cinco cursos consecutivos, permitindo unha atención máis personalizada e adaptada á diversidade da aula.
Porén, este ano, debido aos recortes, só se asigna medio profesor: un docente a xornada partida que só poderá apoiar dous días á semana nas materias troncais. Esta decisión chega xusto cando o grupo está a piques de dar o salto á educación secundaria, nun momento clave para o seu desenvolvemento.
A aula de 5º de Primaria conta actualmente con 24 alumnos, entre os cales hai varios con informes médicos e do departamento de orientación que acreditan necesidades educativas especiais. Ademais, un dos nenos presenta unha discapacidade recoñecida superior ao 33 %, o que segundo a normativa equivale a dúas prazas no cómputo da ratio. Isto sitúa o grupo nunha ratio de 26, o que xustificaría, como nos últimos anos, o desdobramento da aula en dous grupos.
As familias non podemos aceptar esta regresión nos recursos educativos. Consideramos que se vulnera o dereito dos nosos fillos e fillas a recibir unha educación equitativa, inclusiva e de calidade. Por iso, iniciamos mobilizacións para esixir que a Consellería reconsidere a súa decisión e manteña o reforzo docente que demostrou ser esencial para o benestar e a aprendizaxe do alumnado.
Facemos un chamamento aos medios de comunicación, á comunidade educativa e á sociedade galega para que se fagan eco da nosa situación. Non pedimos privilexios, senón xustiza educativa.
Por unha escola que non deixe a ninguén atrás.


















