A festa gastronómica do Barro CF ofrecerá baixo carpa no campo de Outeiro diversas variedades de raxo a prezos de 4 a 8 euros
Barro, 24 de setembro de 2025. O campo de fútbol de Outeiro, en Barro, acolle esta fin de semana unha doble cita gastronómica e deportiva, organizada, en ambos casos, polo Barro C.F.
Por unha banda, o sábado 27 celébrase a VIII edición da RaxoFesta, o evento gastronómico do Barro CF que, un ano máis, terá o seu espazo baixo carpa na contorna do campo de fútbol de Outeiro co fin de recadar fondos para o club.
Así, segundo explica o presidente do Barro CF, José Sanmartín, a RaxoFesta 2025 celebrarase nunha carpa que permanecerá instalada durante toda a xornada do sábado na entrada do campo de fútbol para ofrecer degustacións de raxo en catro variedades de elaboración propia: en empanada, en bocata, con patacas e á pementa.
Todas as racións terán prezos populares de entre 4 e 8 euros e os horarios de apertura da carpa serán de 13h a 16h e de 20h a 00h. A sesión vespertina estará amenizada coa música dun DJ.
Paralelamente, ao longo do sábado e o domingo celebrarase, tamén no campo de Outeiro, o Torneo San Breixo nas categorías de benxamín, alevín e un cuadrangular prebenxamin.
Competirán preto de 400 deportistas de vintecatro clubes da provincia, entre eles o Pontevedra, o Porteiro 2000, o Caldas, o Cuntis, o Catoira, o Pontearnelas, o Portas, o Mosteiro e, por suposto, o anfitrión o Barro CF.
O presidente do Barro CF, José Sanmartín, en nome da directiva, anima á veciñanza a asistir a ambas citas e agradece a colaboración das empresas e entidades que fan posible esta iniciativa coas súas aportacións en materiais, loxística ou productos.
A Portela (Barro) – Os veciños e veciñas do lugar do Briadoiro, na parroquia da Portela, veñen de dirixirse ao Concello para esixir a restitución do servizo de auga da Fonte dos Ceos e do coñecido “Picho”, logo de máis de dous anos de sufrir unha sabotaxe.
A Fonte dos Ceos e o Picho non só representan un servizo básico para a veciñanza, senón que forman parte do patrimonio histórico e etnográfico do Briadoiro. O Picho, en concreto, está estreitamente ligado aos antigos muíños fariñeiros da zona, e constitúe un elemento emblemático cunha antigüidade estimada de máis de douscentos anos. “Non é só unha cuestión de comodidade ou de uso diario. Estamos a falar dun ben común, dunha parte da nosa historia, que foi destruída sen consideración ningunha”, explican os veciños. A comunidade reclama que o Concello actúe con dilixencia para restablecer o servizo de auga canto antes, tomando as medidas legais oportunas. A situación ten xerado un fondo malestar entre os habitantes do Briadoiro, que ven con impotencia como o abandono e a desprotección institucional ameazan tanto o seu benestar como o seu legado cultural. Veciños do Briadorio.