O Goberno central dálle as costas a Barro: rexeita potenciar a estación da Portela

O Goberno central dálle as costas a Barro: rexeita potenciar a estación da Portela e mellorar a seguridade na N-550 O Ministerio de Transportes pecha a porta ás históricas demandas de Barro.
Nunha resposta parlamentaria no Congreso ao deputado do BNG, Néstor Rego, o departamento dirixido por Óscar Puente xustificou a súa negativa a recuperar e potenciar a estación de ferrocarril da Portela asegurando que «o volume de viaxeiros é moi reducido, reflectindo unha demanda pouco significativa».
Esta resposta chega meses despois de que, en abril de 2025, o Concello de Barro emprendese unha campaña institucional e plenaria para esixir a revitalización da terminal. O argumento do Goberno central de que “non hai demanda” ignora deliberadamente a realidade do servizo: unha estación que permaneceu pechada durante meses sen previo aviso e que conta cuns horarios totalmente inservibles para os veciños.
Uns horarios sen sentido que impiden usar o tren
Actualmente, a estación da Portela dispón unicamente de dous servizos con parada facultativa (baixo demanda), cuns horarios que fan imposible o seu uso para as necesidades diarias da veciñanza:
Cara a Vilagarcía: Pasa pola Portela ás 19:00h (saída de Pontevedra ás 18:48h).
Cara a Pontevedra: Pasa pola Portela ás 20:47h (saída de Vilagarcía ás 20:37h).
Cunha frecuencia que obriga a viaxar exclusivamente a última hora da tarde, resulta imposible que os veciños poidan empregar o tren para ir traballar, estudar, acudir a citas médicas ou facer xestións en Pontevedra ou Vilagarcía. O Ministerio xustifícase nun “seguimento continuo da demanda”, creando un círculo vicioso: non se melloran as frecuencias porque non hai viaxeiros, pero non hai viaxeiros porque os horarios obrigan a coller o coche privado. Unha estratexia que choca directamente cos discursos oficiais de fomento do transporte público e sostibilidade.
Tampouco haberá melloras na N-550 en San Antoniño
O rexeitamento de Madrid non se limita ás vías do tren. O Goberno central tampouco ten intención de executar as tres rotondas solicitadas nin de aumentar o número de semáforos e pasos de peóns na estrada N-550 ao seu paso polo núcleo urbano de San Antoniño.
Estas medidas de calmado de tráfico, demandadas reiteradamente polo tecido social e político de Barro para mellorar a seguridade viaria nun vial de alta sinistralidade, quedan varadas nos despachos do Ministerio, deixando ao municipio cun dobre déficit de conectividad e seguridade.
“Horarios históricos da liña de ferrocarril correspondentes ao ano da súa inauguración en 1899, onde se amosan servizos moito máis prácticos para Barro que os actuais.”
https://www.facebook.com/20531316728/posts/10154009990506729/

Deixar un comentario