Barro, 09 de setembro do 2022. O BNG de Barro acusa á Consellería de Educación de promover o deterioro da calidade educativa no concello de Barro ao eliminar tres prazas de docentes para este curso que vén de dar comezo.
O curso anterior o centro puido contar cun total de 27 docentes que se tiñan que encargar de 17 clases, mentres que para este ano só serán 24 docentes para 16 clases, co conseguinte aumento das rátios nas aulas que ten como consecuencia
unha evidente redución da calidade educativa.
A falta de profesorado ten como consecuencia que para este curso non sexa posible desdobrar unha aula que conta con 25 alumn@s entre @s cales hai 9 que teñen necesidades educativas especiais, e que será imposible que poidan ter a asistencia
educativa que lles corresponde se non hai profesorado abondo.
As 25 familias afectadas levan meses loitando e reclamándolle á Xunta de Galiza unha solución a esta problemática que poña fin a unha situación indigna e á que nunca se debeu ter chegado, pois todos os nenos e nenas teñen dereito a unha
educación de calidade sen ningún tipo de excepción.
O Partido Popular, ao igual que fai coa Sanidade pública, leva anos realizando
políticas de recorte e deterioro da ensinanza pública a través dunha Consellería de
Educación que, no canto de buscar solucións para paliar as deficiencias da comunidade educativa de Barro, dedícase a botar balóns fóra e a buscar culpables cando a Consellería é a máxima responsable da ensinanza galega.
Non é admisible que a Consellería de Educación propoña como solución que o centro deixe de realizar e participar en actividades como Plambe; seccións bilingües ou E-Dixgal, o que iría en detrimento da calidade educativa do conxunto do centro.
O BNG exíxelle unha rectificación á Consellería de Educación e pídelle que o colexio público de Barro conte con cantos docentes sexan necesarios para que, sen excepción, todas as nenas e nenos de Barro poidan ter sen máis demora a calidade
educativa que merecen e que teñen dereito.
