O pleno da corporación municipal do Concello de Barro celebrado esta pasada noite aprobou por unanimidade a moción presentada polo grupo socialista para revitalizar o mercadillo que cada domingo se celebra nas rúas aledañas ao Pazo da Crega.
O voceiro socialista, José Sanmartín, defendeu durante o debate a necesidade de reactivar unha feira que foi referente dende que en 2017 se recuperou baixo xestión municipal pero que a pandemia feriu case de morte.
“Esa nova etapa do mercadillo contou gran aceptación e dende a súa reapertura foi un éxito de asistencia, acadando así dous obxectivos. O primeiro unha xestión exemplar, ademais de recadar nun ano aproximadamente o que nunca se cobrou en case dez anos. E o segundo, que volvera a ser unha referencia e que xenerara economía no noso concello”, incidiu.
A moción foi consensuada na súa parte dispositiva de xeito que os tres grupos municipais, BNG, PP e PSOE, acordaron buscar as fórmulas adecuadas para reactivar o mercado.
Entre elas, o grupo socialista propuxo a promoción do mercadillo, unha reunión cos comerciantes para saber cales son as causas da baixa participación de postos ambulantes e un estudo sobre unha posible exención temporal da taxa.
Neste sentido, José Sanmartín ofreceu a súa colaboración e implicación ao grupo de goberno para levar a cabo estas ou outras accións que permitan que a feira volva a dinamizar a ecomomía local.

