O comité clínico da Consellería de Sanidade que fai seguimento da evolución da covid-19 en Galicia acaba de acordar, na súa reunión de hoxe pola tarde, que os concellos de Viveiro, Verín, Monterrei, Castrelo do Val, Cualedro, Noia e Lousame, pasan ao nivel máximo de restricións.
Verín, Monterrei, Castrelo do Val e Cualedro forman un perímetro conxunto. Do mesmo xeito, Noia e Lousame comparten tamén peche perimetral.
Así mesmo, decidiu suavizar as medidas restritivas nos concellos de Lugo, Ponteareas e Rodeiro, que pasarán ao nivel básico de restricións, co que se suprimirá a limitación de mobilidade.
O comité clínico acordou que os concellos de Redondela, Barro, Xinzo de Limia, Carral, Xove, Muros, Outes, Porto do Son e A Pobra do Caramiñal pasan ao nivel medio alto de restricións.
Tras analizar a evolución epidemiolóxica no conxunto de concellos galegos, o comité clínico tamén acordou engadir ao listado de concellos con vixilancia especial a Val do Dubra, Vedra, Padrón e Rois.
Todas estas medidas publicaranse no Diario Oficial de Galicia de mañá martes e entrarán en vigor ás 00:00 horas do mércores.
Este martes pola mañá a Consellería de Sanidade informará da actualización de medidas do fin de ano para Galicia.
