Compartimos a posición da ANPA do colexio de Barro, que se vén de sumar á decisión adoptada pola FANPA da provincia de Pontevedra, de supender a realización do Plan Madruga; do comedor escolar e das actividades extraescolres para este curso até que a Consellería de Educación non recapacite.
Consideramos que non é aceptable que a Xunta cargue toda a responsabilidade sanitaria nas asociacións de nais e pais. Responsabilidades que inclúen desde unha posible reclamación penal por danos á saúde até unha indemnización por gastos económicos derivados dun contaxio.
As ANPAS veñen realizando unha función social imprescindible para que as familias poidan conciliar, ben sexa co Plan Madruga ou ben co comedor escolar. Todo este traballo realizado polas asociacións de nais e pais quitoulle moita responsabilidade e traballo á Xunta, polo que consideramos que agora é obriga da Consellería chegar a acordos coas ANPAS.
Lamentamos a actitude da Consellería de Educación e do Partido Popular de Barro, quen no último Pleno se posicionou coa Consellería e manifestou todo o seu apoio e confianza ás decisións adoptadas por esta.