Fonte: AELG
ADOLFO CAAMAÑO, Perdecanai (Barro, Pontevedra), 1959.
Licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago, e comezou estudos de Dereito na USC e de Ciencias Políticas na UNED. Foi profesor substituto en varios institutos públicos de Ensino Secundario e exerce como profesor de Xeografía e Historia e Lingua e Literatura Galegas. Na mocidade desenvolveu traballos de guía turístico en Barcelona e a costa mediterránea, Euskadi e A Rioxa, de hostelaría en La Laguna (Tenerife), de coordenador de monitores na piscina municipal das Travesas (Vigo), así como de monitor e socorrista nas piscinas de Caldas de Reis e Vilagarcía. Colaborou en varios xornais galegos como A Nosa Terra, El Correo Gallego, Faro de Vigo, La Voz de Galicia, Atlántico Diario, medio do que foi correspondente rural na bisbarra de Caldas de Reis, Moraña, Cuntis e Barro), Noticias do Barroso (Portugal), AG (Revista do Audiovisula Galego), e foi co-fundador da revista pontevedresa de creación literaria Hidromel. A finais dos anos 80 e comezos dos 90, en colaboración co pintor e profesor Manuel Busto, o doutor en historia Luís Martínez-Risco, o doutor en filoloxía galega Isaac Alonso Estraviz, e o padre Antonio Lourenço Fontes, foi co-organizador da Gallaecia, ciclos de conferencias de temática variada e de exposicións de pintores e escultores galegos e portugueses, cuxa montaxe se desenvolveu en Ourense, Verín, Xinzo da Limia, Celanova, e na Rexión do Norte de Portugal: Montalegre (Tras-Os-Montes), Vila Pouca de Aguiar, Ribeira de Pena, Vila Real e Porto. Por medio da Asociación Cultural Vía Gallaecia logrouse a colaboración de entidades como a Fundación Calouste Gulbenkian e, sobre todo, entre concellos de Galicia e Portugal para realizar unha variada serie de actividades conxuntas, que constituíron unha das primeiras experiencias de colaboración socio-cultural transfronteiriza entre Galicia e o Norte de Portugal. Por mor desta experiencia de iniciativa cultural galego-portuguesa participou nos grupos de traballo do eido cultural dos programas Interreg (Comunidade Europea) durante os pasos preparatorios para a creación da actual Comunidade de Traballo-Galicia-Rexión do Norte de Portugal.
Ligazóns externas
https://www.aelg.gal/Centrodoc/GetAuthorById.do?id=autor113
https://www.xerais.gal/autores.php?tipo=autores&id=100014162
https://gl.m.wikipedia.org/wiki/Adolfo_Caama%C3%B1o