O PSOE de Barro iniciou unha campaña de recollida de sinaturas reclamando á Xunta de Galicia a creación dun novo Centro de Saúde no municipio e a mellora do Servizo de Pediatría.
O Tenente de Alcalde de Barro e secretario xeral da agrupación socialista, José Sanmartín, deu inicio á iniciativa coa recollida das primeiras rúbricas no Centro Médico.
No acto estivo acompañado da Concelleira Lía Rodríguez e do
Deputado Autónómico e portavoz de Sanidade do PSdG no Parlamento, Julio Torrado, comprobando as numerosas deficiencias das instalacións.
“Barro merece un novo Centro de Saúde ante o estado obsoleto do actual, que carece de medidas de accesibilidade, presenta filtracións de auga e non dispón de baños adaptados, cun deterioro avanzado da estructura e do mobiliario, tanto nas consultas como na sala de enfermería ou na sala de espera totalmente interior”, explica o Tenente de Alcalde, José Sanmartín.
Na mesma campaña, os Socialistas de Barro reclaman á Xunta de Galicia a mellora do Servizo de Pediatría “dado o crecemento poboacional experimentado no municipio de usuarios nesta franxa de idade”.
Departamento de Comunicación .
