El Bólido, o xornal de Moraña e Cuntis

diario pontevedra

el-bolido

DESPOIS DUNHAS cantas parrafadas na taberna de Meira, é posible que un grupo de veciños entendese que unha ferramenta para combater o caciquismo podería ser a publicación dun xornal, e o máis probable é que estivese formado por algún republicano, emigrantes que retornaron de América e mozos nos que prendeu a chama da loita contra a inxustiza.

Quen expón esta hipótese para explicar o nacemento dunha publicación, de corte agrario, chamada El Bólido é Xosé Casal, nun artigo publicado na revista A Taboada. Do que non cabe ningunha dúbida é de que o día 27 de agosto do ano 1916 saía á rúa o primeiro número dun xornal que se definía independente, cuxo prezo era de cinco céntimos e a súa periodicidade, semanal.

“A tranquilidade e o sosego dos caciques perturbada por un tabán difícil de tornar”, expón Casal para definir o impacto que provocou esta inédita iniciativa nos concellos de Cuntis e Moraña. “Os primeiros números son puramente anticaciquís, os tiros ían dirixidos contra os concellos e o clero”, agrega Casal.

A repartición de consumos, o pago da contribución, a burocracia, os amaños e os amiguismos son os temas centrais, do mesmo xeito que as furibundas críticas aos representantes do clero “que miraban máis paravos bens terrenais que para a doutrina”, apunta. Un Rebelde’, ‘Un Selemita’, ‘Mario… e Ancho’, ‘Farruco’, ‘Sésamo’, ‘Xan do Portelo’ ou ‘Eulalia Sevilla’ son algúns pseudónimos utilizados para asinar os artigos. Outros desvelaban a súa identidade, como José Bugallo e Constante Diz. O primeiro director puido ser Antonio BelLo, e os seus redactores posiblemente fosen todos do concello de Cuntis. Casal apunta que o ton de El Bólido era “didáctico e paternalista”.

En 1918, Antonio Bello figura como director, á fronte dun equipo formado por José Vázquez, Luciano Folgar, Salvador Novo, Constante Diz e José Porto, e o día 14 de abril pasa a identificarse como ‘Órgano das Sociedades Agrarias de Moraña e Cuntis’, abarcando despois Valga, Barro e o distrito de Caldas de Reis.

“Segue xostreando aos caciques, pero con menor intensidade, xa que comezan a preocupar as deslealdades, a falta de ideario político e a desunión”, expón Casal. Un dos seus mellores columnistas, José Vázquez, pasouse ao bando caciquil, e a alianza de varias sociedades agrarias co deputado Sagasta abriu unha brecha, que se reflicte nos artigos publicados entón en El Bólido.

A crise provoca que deixe de publicarse durante un tempo, para renovar a súa cita cos lectores cunha nova identificación: ‘Órgano da Sociedade Agraria de Moraña’. Constante Diz era o seu administrador; Luciano Folgar, xefe de redacción, e Manuel Pereira, José Bugallo e Salvador Novo, redactores. “Ata o ano 22 segue o seu camiño propagandístico e incluso de control do Goberno do Concello”, que controlaban os agrarios con Cesáreo Durán na Alcaldía, e a creación dunha nova sociedade agraria, nas parroquias de Amil e Rebón, provoca a controversia.

O xornal entra nun estado de abandono no ano 1923, os veciños que viven en Arxentina mostran a súa preocupación e a Sociedade Prol Agraria de Moraña en Buenos Aires finánciao, ademais de enviar artigos. “Moitos deles son moralizadores, pedindo a unión de todas as forzas anticaciquís”, sinala Casal.

Pero o intento de evitar o naufraxio fracasa, e as razóns posiblemente fosen dúas, segundo o historiador de Moraña: “Por unha banda, as deslealdades medran, as tendencias internas víanse irreconciliables e, para rematar, chega nese ano a ditadura de Primo de Rivera que, ao parecer, remata coa vida do xornal”.

TRES GRUPOS. Casal define a El Bólido como un medio de comunicación “partidista, panfletario, político e pouco literario” e divide aos seus redactores en tres grupos. Nun inclúe aos poetas, que eran “os máis festexados. Os seus versos en tinta eran logro apresos e coreados por todos os lugares, e algúns aínda se recordan hoxe”.

“Case sempre eran candentes parolas contra dos caciques, contando os desmandos e roubos e prometendo a vitoria dos labregos”, engade. José Giménez, da Laxe, e Gabriel Ramos, de Santa Xusta, destacan pola súa poesía sinxela e pícara, e José Bugallo, de Trambosríos, elabora uns poemas máis cultos e traballados. Nun capítulo que podería equipararse ao de artigos de opinión, José Bugallo, Constante Diz, Cesáreo Durán e Benito Rey móstranse prudentes e respectuosos, fronte á prosa máis exaltada de José Vázquez, Pereira García, José Manuel Pereira e Salvador Novo.

PREME NO ENLACE PARA SEGUER LENDO:

http://diariodepontevedra.galiciae.com/gl/nova/636297/el-bolido-o-xornal-de-morana-e-cuntis

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s