O abaixo asinante, Xosé Manuel Fernández Abraldes, Portavoz do BNG no Concello de Barro presenta a seguinte MOCIÓN para a inclusión do Castro de Sete Fontes (no monte dos Casás) no Plan de recuperación de Castros da Deputación.
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:
O castro de Sete Fontes, sito no monte dos Casás é, sen lugar a dúbidas, un dos de maior valor histórico de toda a comarca, tal e como puxeron de manifesto expertos arqueólogos. Neste castro só se realizaron até o momento unhas mínimas catas por parte da Universidade de Santiago, nas que apareceron achádegos de grande valor. Mais por desgraza eses traballos de excavación e estudo, realizados xa hai anos, non continuaron.
En setembro de 2013, o BNG presentou unha moción para que se incluise o castro nas actuacións anunciadas pola Deputación e o Ministerio de Fomento para a recuperación e posta en valor de castros da provincia.
Por desgraza, Barro xa quedou fóra no seu día do investimento de 2,5 millóns de euros feitos pola Xunta de Galiza e a Deputación, e agora vai camiño de non ver nin un euro dos 6,5 millons do novo plan Deputación-Ministerio de Fomento para continuar coa rehabilitación deste patrimonio histórico.
Este investimento vai servir tanto para dar a coñecer e pór en valor o noso patrimonio historico, como para crear emprego e actividade economica asociada ao atractivo turistico que poderían representar estes asentamentos historicos.
Por todo isto o Pleno do concello de Barro aproba a seguinte
MOCIÓN:
1. Solicitar á Deputación que inclúa o Castro de Sete Fontes neste novo programa de recuperación de castros.
Barro, 24 de marzo de 2015
Xosé Manuel Fernández Abraldes


Eu penso que o motivo de deixarnos fora,e que non vaia a ser o caso,que co tema das excavacións,lle perxudique para a festa do monte,e claro,ante estas dúas opcións, primeiro e a festa.