A Federación Galega de Caza está a desenvolver este verán xornadas formativas para os responsables de cazarías, para deste xeito evitar contratempos e situacións que fan desagradables as xornadas cinexéticas e que cos coñecementos axeitados poden preverse ou en último caso evitarse.
«O ano pasado nunha cazaría un home sufriu un infarto, así que por exemplo nestas xornadas daremos un curso de primeiros auxilios,» sinalou Franciso Couselo, presidente da Federación de Caza de Pontevedra. As Xornadas Formativas Para Responsables de Cacería e Cazadores en Xeral recibiron un total de 1.275 solicitudes, aínda que os prazos de inscrición están abertos ata hoxe. A actividade será entre Barro, o día 9, (Biblioteca Municipal) e Tui, día 10, e tratará materias como lexislación, armas e municións e organización de cazarías.
