No núcleo de San Antoniño, no concello de Barro, a seguridade viaria tamén está no punto de mira. Concretamente, unha das preocupacións é a acumulación de coches que se produce na N-550 cando os condutores queren dirixirse cara ao tanatorio da zona, posto que, ao non existir un carril de espera, os vehículos permanecen na nacional.
Loli Martiñán explica que «está claro que non é un bo sitio para estar parado, porque o que quere meterse cara ao tanatorio ten que esperar no xeneral e está a expensas de que se alguén vén máis rápido do normal, póidalle dar por detrás, pero non se se esta situación é visible ou non para os demais veciños». Esta veciña de Barro comenta que «toda medida que beneficie aos cidadáns para min será benvida» e cre que a seguridade viaria no núcleo de San Antoniño mellorou moito grazas á colocación do semáforo e da sinalización, aínda que comenta que «aínda queda quen non respecta os sinais de 50».
Neste sentido, do mesmo xeito que en opinión de José Manuel Pereira e Vitoria Martiñán, Loli apunta que «se o radar estivese no centro do pobo, seguro que collería a máis dun circulando a unha velocidade superior á delimitada».
Recentemente, o BNG local convocou unha concentración no cruzamento, logo de recoller 400 firmas dos veciños do municipio para esixir unha solución ás administracións competentes e «rematar co perigo que supón cruzar a N-550 neste punto e que non teñamos que padecer máis accidentes de tráfico», apuntaron.