Concentración para demandar seguranza viaria na N-550 ao seu paso por Barro

O BNG convocou unha concentración para o sábado 21 de xuño ás 21 h. no cruce da rúa Areal coa N-550 en Barro para demandar das administracións competentes (Ministerio de Fomento e Concello de Barro) que adopten as medidas necesarias para pór fin a este ponto negro da N-550, que leva acumulado xa innumerábeis accidentes de tráfico.

O problema non é novo. Desde hai 5 anos tanto os veciños como o BNG vimos demandando do Concello e o Ministerio de Fomento a adopción de medidas para rematar co perigo que supón esta estrada para a seguranza viaria, sen que se adoptase ningunha solución.

Recentemente foron entregadas no Concello máis de 400 sinaturas reclamando carrís de espera na N-550 e unha rotonda na entrada da rúa Areal. O goberno municipal do PP, non obstante, votou en contra dunha moción do BNG que pedía exactamente o mesmo.

Os veciños e veciñas temos que seguir esixindo solucións, antes de que nese cruza aconteza unha desgraza irreparábel. Para que o día de mañá non teñamos que lamentalo é hora de moverse e esixir solucións.

Por iso, para rematar co perigo que supón cruzar a N-550 nese punto, para que non teñamos que padecer máis accidentes de tráfico, convocamos esta concentración o sábado 21 de xuño ás 21 h. no cruce da rúa Areal coa N-550.

CONCENTRACION CONCELLO BARRO

Deixar un comentario