A Deputación de Pontevedra inicia en breve a licitación do viveiro de empresas de Lalín, que se construirá nun solar tras a aula da UNED no polígono Lalín 2000. Así o manifestou onte o alcalde José Crespo, tras sinalar que a xunta de goberno da entidade provincial aprobou a pasada semana o proxecto do edificio, redactado por Andrés Touceda Gómez. O rexedor indicou que a construción do edificio suporá un investimento de 688.272 euros, cun prazo de execución de sete meses, polo que Crespo espera que estea en funcionamento nos primeiros meses do próximo ano.
Recordou que a planta baixa acollerá pequenas naves-niño para as empresas interesadas, que poderán estar durante dous anos no viveiro. A partir dese momento, de non existir demanda poderán solicitar a súa continuidade nas instalacións, e pola contra deberán ceder o espazo a novas firmas. Na primeira planta situaranse despachos individuais, así como unha área de coworking que compartirán distintos servizos. Crespo destacou a oportunidade que suporá para emprendedores, xa que apenas pagarán os gastos de calefacción, electricidade e auga, xa que contarán tamén con asesoramento xurídico da propia Deputación.
Lalín adiántase a Barro
Lalín adiántase a Barro, que tamén disporá doutro viveiro de empresas. Con todo, neste caso decidiu propor un concurso de ideas para o edificio, que terá un orzamento superior ao que manexa o proxecto da capital dezana.

