Para o 84 por cento dos españois, o plan perfecto no verán é sentarse nunha terraza e tomarse unha cervexa. Esta actividade supera en interese a irse á praia, por exemplo. É indubidable que a loura ten moitos fans. Pero tamén é certo que, nos últimos anos, crecen os cidadáns que sosteñen que é moito máis que un refresco.
Así o demostra o auxe da cervexa artesá. Trátase dun fenómeno mundial que calou con forza na área viguesa, con tres marcas, en Vigo, Redondela e Cangas. Unha cuarta, elaborada con lúpulo colleitado en Castrelos, presentarase na feira internacional Art Beer Fest, que se celebra no auditorio Mar de Vigo do 5 ao 8 de xuño.
Hai agora 25 anos, en 1989, Vigo deixaba de producir a súa propia cervexa. A fábrica de Skol na Barxa era demolida e, no seu lugar, aparecían as torres de García Barbón e a sede do Club Financeiro. Un cuarto de século despois, volveu a fabricarse cervexa na cidade. En concreto, a marca De Lago, que promove un chef vigués, o xefe de cociña do hotel Zenit, Javier Acuña. É de tipo Irish Rede e ten seis graos de alcol.
En Cangas, xurdiu a marca Menduiña, que conta con seis tipos diferentes. A Santa Compaña é unha Barley Wine, a Corma é unha Stout; hai unha Special Bitter chamada Duir, unha Pale bautizada Barda e a negra, que leva como etiqueta Demo Neghro. A sexta variedade de Menduiña é a Loira, elaborada con centeo e un toque de algas.
Para rematar, ao fondo da ría prodúcese a San Amaro, redondelana, con dúas variedades dispoñibles: a Pale Ale e a Dark Ale. Parte da produción de San Amaro realízase nunha das capitais mundiais da cervexa: Flandes, en Bélxica, baixo a fórmula deseñada na vila dos viadutos.
A estas tres marcas de cervexa artesá na área de Vigo sumarase proximamente unha cuarta. Aínda se descoñece o seu nome comercial final, pero entre os seus ganchos está a utilización de lúpulo salvaxe de Castrelos e Sárdoma.
Ademais, en Vigo está a sede da Asociación de Cervexas Artesanais Galegas, que reúne ás principais do sector na Comunidade.
A diferenza das cervexas tradicionais, as artesás non utilizan conservantes e manteñen unha produción tradicional. Ademais, exploran sabores e texturas descoñecidas na loura estándar de consumo masivo.
En Galicia, a artesá converteuse nun fenómeno, con 12 marcas no mercado, todas xurdidas ao longo do último lustro: Aloumiña (Lugo), Áncora, Galago Craft Beer, Keltius e Deep Taste (Ourense), Dama Allaricense (Allariz), Meiga (Poio), Saramagal (Barro), De Lago (Vigo), San Amaro (Redondela), Menduiña (Cangas) e Peregrina (Santiago).
Case todas estas marcas estarán presentes na citada Art Beer Fest, unha feira internacional que ten tamén edicións en Caminha e Lisboa, en Portugal. E, xunto ás galegas, estará medio centenar de marcas artesás procedentes de máis dunha ducia de países.
Así que a cervexa tradicional está de moda. E, en Vigo, parece ter prendido con forza. Un cuarto de século despois da desaparición da fábrica da Barxa, coas súas inesquecibles cervexas Skol e A Cruz Branca, a loura volveu á cidade.
Menduiña, San Amaro, De Lago e Nós fabrícanse na comarca e outra marca está por saír
Hai 25 anos que desapareceu de
A Barxa a planta de Skol e A Cruz Branca
