MELLORAS NA ORGANIZACIÓN DA FESTA DO VIÑO

BNGSr. Alcalde:

O abaixo asinante, Xosé Manuel Fernández Abraldes, Portavoz do BNG no Concello de Barro presenta a seguinte MOCIÓN referente a melloras na organización da Festa do Viño.

 EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

A “Festa do Viño” naceu para promocionar o viño do noso concello, pero ese obxectivo pasou nos últimos anos a un segundo plano.

Parécenos ben que se promocione a denominación de orixe “Rías Baixas”, na que estamos integrados, pero os viños producidos en Barro teñen que ter unha promoción especial recuperando a idea inicial desta festa.

Tamén consideramos que os protagonistas de dita festa deben ser os productores de viño, polo que aplaudimos que na edición do 2013 os premios dos concursos, fosen entregados por produtores e membros da organización, e non por representantes políticos como se viña facendo en edicións anteriores.

Como consideramos que o certame Rías Baixas lle dá realce á nosa festa pensamos que debemos de contar coa colaboración plena do consello regulador da denominación. Neste sentido consideramos que debería ser o Consello Regulador quen nomeara o comité de cata de dito certame ao igual que o fai noutras festas da provincia.

A festa do viño ademais de servir para a promoción deste producto tan presente no noso concello, cumpre tamén un papel lúdico do que gozan moitos veciños e veciñas. Non obstante, tendo en conta a situación económica que estamos a vivir hai que procurar racionalizar o gasto o máximo posíbel. Un dos aspectos no que recortar gastos é o xantar oficial que se celebra o domingo da festa, que ten que deixar de ser gratuíto para as persoas que non formen parte da organización ou representantes das empresas que contribúen economicamente

Por todo isto o Pleno do concello de Barro aproba a seguinte

MOCIÓN:

  1. As adegas do concello de Barro terán un espazo propio dentro do certame Rías Baixas
  2. A entrega de premios farana membros da organización ou produtores
  3. Pedirase ao Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas que nomee un comité de cata para o certame.
  4. O xantar oficial que se celebra o domingo só será gratuíto para as persoas que formen parte da organización ou representantes das empresas que contribúen economicamente á festa

Barro, 26 de marzo de 2014

Xosé Manuel Fernández Abraldes

 

Deixar un comentario