‘A Barosa’ quere reconstruír a historia gráfica das parroquias

diario pontevedra

1

Despois de dixitalizar parte do Arquivo Reinaldo, a asociación pide colaboración
para que as familias acheguen fotos históricas

BARRO, 1950. No taller de Porráns, Reinaldo Constenla coloca o seu aparello fotográfico diante doutro enxeño de gran tamaño a medio facer. Dous traballadores con peto de tirantes e remangados martelan na peza metálica ao tempo que sorrín e un engaravatado director de traballo supervisa atento. Trátase de José Moldes Castro, persoeiro relevante de toda a comarca e máis do municipio en cuestión, que observa como se constrúe o que foi o primeiro prototipo de coche galego, saído do seu maxín, que chegou a circular polos carreiros da comarca durante tres anos e que ten unha historia propia que merece un capítulo aparte.

Pero ese momento, o da construción, é un fito memorable da historia do municipio e todos os veciños que se precien de selo coñéceno.

Poden lembralo porque, para aquel momento de 1950, o concello contaba cun fotógrafo propio, Reinaldo Constenla, da parroquia de Barro que, incansable, acudía alí a onde o chamaban para inmortalizar os máis dispares capítulos ou ben os retrataba pola súa conta e despois os vendía a clientes impresionados e satisfeitos polas estampas de Reinaldo. Os capítulos eran do máis diferente, podían abordar o ben que quedaran os palleiros despois da malla; o avance dos traballos de desmonte e extracción de granito nunha canteira local; as festas populares, ou, como non, a chegada do primeiro aparello de televisión ao municipio.

O legado de Reinaldo foi herdado polo seu fillo, que o custodia con mimo aínda na súa mesma casa, no municipio de Barro, pero que non fixo por difundilo. Quen se acordou do valor que podían ter todas esas estampas atesouradas durante décadas de vida foron os membros da asociación cultural local A Barosa, que no ano 2008 comezaron, co permiso do descendente do fotógrafo, o proceso de dixitalización de parte do seu extenso arquivo.

O herdeiro de Reinaldo cedeu para o traballo todas as fotos de papel, unhas 500, que foron rexistradas dixitalmente en dúas fases, en dous anos consecutivos. «Actualmente temos sobre 500 imaxes, as que o fillo de Reinaldo nos deixou, pero o arquivo ten moitísimas fotos máis, aínda que só en negativos», explica o presidente do colectivo, Iván Bello.

A raíz daquela inmersión tan directa na historia de Barro entre 1950 e 1970, os membros da asociación arranxaron unha publicación e tamén editaron un audiovisual que se pode consultar en youtube no que se fai unha escolma do seu traballo nese tempo.

A iniciativa foi un éxito, pero eles consideran que obrou tamén un cambio na xente do municipio e na súa forma de entender a relación cos documentos gráficos, que ademais de ser vistos como recordos familiares comezaron a aparecer ante os ollos de todos como pezas de certo valor para preservar o recordo do tempo que foi.

O resultado é que os membros desta asociación decidiron abordar unha nova fase máis ambiciosa do proxecto Barro en Imaxes. Agora queren ir por parroquias e recoller as estampas que as familias queiran achegar para o fondo dixital.

Iván Bello, o responsable da asociación, explica que «agora o traballo non versa sobre o arquivo dunha única persoa, senón que serán todas as fotos gardadas a nivel individual as que xuntemos para crear unha base de datos que nos permitiría construír a historia de cada parroquia individualmente, de modo que, xuntas, amosen a historia do concello». MÁIS E MELLOR. O plan, que funcionará na medida en que, voluntariamente, os veciños se impliquen na busca dos seus recordos persoais e na cesión dos mesmos un tempo, para que poidans ser escaneados e arquivados, terá una doble vertente. Ao mellor aparecen novos traballos de Reinaldo que o propio fotógrafo deixou só en negativo; e ao mellor aparecen obras doutros autores da mesma data ou anteriores que acheguen novas instantáneas do que puido ser a vida neste concello no século pasado.

A maiores, o feito de abordar arquivos familiares e persoais, permitirá ampliar o abano histórico do proceso de documentación, de modo que tamén poderá incluír fotos posteriores aos anos 70. Ademais, isto pode permitir, se a colaboración chega aos niveis desexados, que se acaden mellores documentos e máis variados e que se poida traballar con máis intensidade na historia particular de cada parroquia. COMO CONTACTAR? O proceso porase en marcha nos próximos meses e os membros da asociación contan con que o resultado das dúas anteriores fases de ‘Barro en imaxes’ sirvan para ir abrindo as portas de cada fogar e conseguir boa colaboración. De momento, según explica o propio responsable do colectivo «se alguén está interesado en aportar axuda ao proxecto poderase poñer en contacto con nós a través da nosa páxina web (www.asociacionbarosa.org), facebook (Asociación-Cultural-barosa/) ou email (barosa.ac@hotmail.com)».

Dependendo do nivel de participación acadado irase desenvolvendo o plan en fases temporais, de modo que, de momento non existe un prazo para a recollida de imaxes, e tampouco se sabe moi ben cando finalizará. O que si é máis que probable é que esta nova andaina dea coma froito unha publicación a modo de escolma ou algún audiovisual semellante aos dous que xa se poden atopar na rede e nos que van desfilando, un a un, os momentos e estampas de ‘Barro en Imaxes’.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s