Nestes días está exposto ao público o novo trazado da liña de “Alta
velocidade”, coñecido como “Variante de Cerdedo”. Este trámite vén confirmar o descarte definitivo daquel trazado inicial, que pasando por Porráns afectaba de forma brutal a moitos veciños e veciñas de Barro, así como ao noso territorio, esnaquizando moitos lugares.
Pero aquel proxecto tan irracional, do que o BNG informara aos veciños nunha charla celebrada na biblioteca, non foi cambiado porque os gobernos de Madrid, nin o actual nin o anterior, chegaran a conclusión de que era un disparate. Quen realemnte conseguiu cambialo foi a loita veciñal, ao fronte da cal se puxeron un grupo de persoas que con moito traballo e sen descanso, organizadas nunha plataforma que sempre contou co noso apoio, foron quen de, combinando actos reivindicativos e negociacións, obrigar aos responsábeis políticos do ministerio de Fomento a desistir daquela desfeita.
É por iso que desde o BNG queremos agradecer a todas as persoas que loitaron daquela contra semellante barbaridade, e especialmente ás que lideraron a súa loita, que conseguiran acabar con aquela ameaza que pesaba sobre o noso concello.


