O PP decide gastar 81000 € nun terreo do monte sen saber se se vai facer algo nel

Outro exemplo de desplifarro de diñeiro público.bng barro

O PP decide gastar 81.000 € nun terreo do monte sen saber se se vai facer algo nel.

O PP aprobou a compra dos terreos embargados ao Pontevedra CF no monte do Rapadiño en Perdecanai por 81.000€. O BNG opúxose a este acordo, pois non é razoable que cando o concello malamente pode pagar as nóminas dos funcionarios, cando é incapaz de investir na mellora dos servizos públicos, cando non é quen de pagar as débedas que ten con entidades do concello, ou cando non dá pagado os máis de 100.000 euros a veciños do concello de Barro pola expropiación das súas propiedades, gaste 81.000 euros dos que non dispón nun terreo no monte, por moi barato que pareza.

O máis preocupante é que o alcalde contestou que non sabe para que quere ese terreo. A única explicación que dá é que lle parece barato e que xa se verá o que se pode facer nel, pero tampouco sabe como se vai pagar, pois retirouse da Orde do Día a petición dos cartos á caixa de anticipos da Deputación, dado que debido á situación económica do concello non se poden pedir cartos para iso.

O PP vai ter difícil explicarlle aos veciños e viceñas de Barro que despois de fritilos a impostos para tapar os buratos da súa nefasta xestión económica, destine 81.000€ que se sacan dos petos da xente para comprar un terreo que non se sabe sequera se vai servir para algo ou vai estar a toxos, como está outra parcela do monte no que tamén se gastaron fai uns anos 30.000 euros por outra improvisación e arroutada dun goberno que leva malgastado moito diñeiro e que ten sumido o Concello nunha situación económica alarmante á vez que ten aos veciños sen uns servizos dignos dos impostos que pagamos.

No pleno no que o PP decidiu esa compra quedaron claras tres cousas:

  • Que se compran os terreos porque segundo o alcalde están baratos pero non se sabe a que se van dedicar
  • Que non saben como o van pagar
  • Que os veciños de Barro aos que se lle deben 100.000 euros en expropiacións non se lles paga porque se “botaron ao monte” ao reclamar uns prezos xustos polas súas propiedades.

O BNG nunca vai ser cómplice destes despropósitos, destes despilfarros, e desta maneira improvisada e chapuceira de gastar o diñeiro público, o diñeiro de todas e todos.

Deixar un comentario