Sr. Alcalde:
O abaixo asinante, Xosé Manuel Fernández Abraldes, portavoz do BNG no concello de Barro presenta a seguinte MOCIÓN referida á posta en valor do castro Sete Fontes no monte da Chan en Agudelo
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:
O patrimonio histórico é un elemento a coñecer, coidar e poñer en valor tanto para o coñecemento do noso pasado como pola riqueza económica que pode xerar, pola cantidade de visitantes e atractivo turístico do mesmo.
No Castro de Sete Fontes realizáronse obras de escavación e valoración do seu xacemento no ano 2007. Procedéndose á documentación dos restos atopados naquela pequena intervención e que deixou claro a grande riqueza patrimonial que no mesmo se atopa.
A Deputación de Pontevedra ten un Plan en colaboración coa Xunta de Galiza e os concellos de 2,5 millóns de euros para a limpeza, escavación e musealización de xacementos arqueolóxicos na provincia. A este orzamento a Deputación pretende engadirlle unha importante cantidade de diñeiro que solicita do Ministerio de Fomento en base ao denominado 1% de interese cultural das contratacións públicas.
Neste Plan aparecen os castros de todos os concellos da provincia que contan con este tipo de patrimonio menos o concello de Barro.
Por todo o exposto, o Pleno do concello acorda aprobar a seguinte
MOCIÓN:
Dirixirse á Deputación de Pontevedra para solicitar a inclusión do Castro Sete Fontes no monte da Chan en Agudelo no Plan para a recuperación, escavación e posta en valor do patrimonio histórico da provincia, tendo en conta a gran importancia deste castro para o coñecemento da nosa historia e como motor económico para o concello
Barro, 13 de setembro de 2013.
Asdo: Xosé Manuel Fernández Abraldes

