O Sindicato de Traballadores da Administración de Xustiza (STAJ) denunciou
onte a situación que arrastra o Xulgado de Instrución número 1 de Caldas de Reis. José González, delegado da central en Pontevedra, afirmou que o atraso acumulado na tramitación e execución de procedementos civís e penais é insostible e está a prexudicar aos cidadáns, que «agora teñen que ver como teñen que pagar unhas taxas desproporcionadas para acceder á xustiza». O persoal é de sete funcionarios.
O colapso deste xulgado de Caldas débese ao aumento das demandas civís derivadas da crise económica e a que, no ámbito penal, ten atribuídas en exclusiva as faltas de tráfico do partido xudicial, «cun amplísimo territorio polo que discorren varias estradas e unha autoestrada con gran volume de tráfico». Ademais, exerce as funcións propias do decanato e ten ao seu cargo o Rexistro Civil.
O sindicato solicitou hai case dous meses á Dirección Xeral de Xustiza o nomeamento dun funcionario do corpo de xestión procesual e administrativa como medida de reforzo. Desde Presidencia indicaron onte que o funcionario chegará a próxima semana

