Dous mozos traballadores resultaron feridos ao longo da mañá noutros tantos
accidentes ocorridos nos seus postos de traballo en Barro e Pontevedra con tan só unha hora de diferenza. Ambos requiriron traslado hospitalario, pero o seu estado non é grave.
Ao redor das 9.00 horas da mañá tívose coñecemento dun accidente nunha empresa de aluminios do Concello de Barro. Tiveron que acudir ao lugar a Garda Civil e unha ambulancia de Urxencias Médicas de Galicia 061 para atender a un mozo que presentaba feridas na cara. O ferido ten 28 anos e tivo que ser trasladado ao Hospital Domínguez de Pontevedra.
Ao redor das 10.00 horas produciuse o segundo sinistro. Nesta ocasión, acudiron ao lugar a Policía Nacional e, de novo o 061, tras recibir unha alerta dun accidente nunha empresa avícola do polígono do Vao, no termo municipal de Pontevedra.
Ao parecer, a moza, de 26 anos, esmagouse tres dedos coa máquina que utiliza para o seu traballo diario. Tamén no seu caso foi trasladada nunha ambulancia medicalizada ao Hospital Domínguez.
Xa pola tarde, sobre as 16.30 horas produciuse un novo accidente laboral en Barro. Nesta ocasión, o traballador dunha obra quedou coa perna atrapada baixo unha máquina escavadora.