ADIF adxudica por 1,5 millóns obras complementarias do AVE no tramo Cerponzóns-Portela

As empresas que xa executan o trazado do Eixe Atlántico de Alta Velocidade Ferroviaria ao seu paso por Pontevedra (Sacyr, Cavosa e Neopul) serán as encargadas de acometer as obras complementarias que, por 1.569.000 euros, acaba de adxudicar o Administración de Infraestructuras Ferroviarias (ADIF), segundo publicou onte o Boletín Oficial do Estado. Corresponde ao tramo Cerponzóns-Portela que atravesa esa parroquia pontevedresa e parte do municipio de Barro.

Aínda que o anuncio detalla que a resolución procede de ADIF, que foi quen tramitou o expediente, desde este organismo asegurouse onte que o procedo pertence ao Ministerio de Fomento, polo que non aportou detalles sobre esas obras complementarias. En todo caso, unha das últimas modificacións realizadas no tramo Cerponzóns-Portela obedecían á decisión de manter en servizo a estación da Portela, polo que se acordou conectar as novas vías do AVE coa citada estación que, no proxecto orixinal, quedaba fóra de servizo.

Ademais desa estación, a modificación inclúe cambios e reaxustes na rede viaria colindante coas novas vías. Un deles corresponde á estrada provincial EP-0506, que pasa baixo o viaducto do Areal cun gálibo de 4,9 metros e que se pretende ampliar a 5,8 para evitar problemas con vehículos grandes xa que se trata de “a única estrada de comunicación entre ambos lados do val de Barro”. Corrixiranse tamén deficiencias viarias preto da boca sur do túnel de San Amaro.

Deixar un comentario