O BNG DENUNCIA QUE PP E PSOE APROBAN UN CATASTRAZO EN BARRO

Barro, 29 de maio de 2012. Co único fin de cargar sobre as economías familiares a mala situación económica do Concello, oPP, coa colaboración do PSOE, veñen de aprobar unha revisión do catastro que vai a supor unha suba brutal da contribución para os veciños e veciñas de Barro.

Unha suba que significa triplicar a recadación por este imposto. A revisión non supón un incremento significativo no número de vivendas e, polo tanto, este incremento na recadación vén dado por unha suba abusiva nos recibos, o que é unha verdadeira extorsión ás familias de Barro.

Esta suba vaise sumar ademais á aprobada polo goberno central do PP, que para os recibos do 2012 supón un incremento do 10%.

Unha suba que non se vai producir só para o ano 2013, senón tamén para os vindeiros seis anos até chegar ao máximo do incremento.

O desmedido afán recadatorio do goberno municipal, co apoio do PSOE, queda de manifesto nas construcións existentes en solo rústico. Neste caso a recomendación da xerencia do catastro era aplicar o mínimo coeficiente de pago (0,50), pero o acordo adoptado polo PP e PSOE foi de cobrar o máximo permitido (1), é dicir o dobre do proposto pola xerencia do catastro.

O atraco que isto supón para os veciños é brutal, pois a previsión é de incrementar máis de 300.000 a recadación. Cartos que van saír do peto da xente.Vai haber casos nos que vivendas pequenas que pagan uns 50 euros/ano van pasar a pagar uns 300.

O BNG considera que non se pode facer recaer nas economías familiares a mala xestión económica das Administracións, pois as familias xa están sufrindo día a día os efectos da crise económica que estamos a padecer.

En plena campaña electoral para a reelección, o alcalde prometeu por carta a todos os veciños e veciñas que non os “ía fritir a impostos”. Levamos un ano e, dende aquela, xa tivemos fai seis meses a primeira suba do lixo e do imposto de circulación, ao que se lle engade agora a suba da contribución, que o único que busca é tapar a incapacidade para gobernar do PP.

Despois de 29 anos gobernando o Concello, o PP foi incapaz de aproveitar os momentos de bonanza económica para dotar a Barro dos servizos básicos, e agora carga nos petos dos veciños a súa ineficacia.

Un alcalde que mentíu aos veciños e veciñas para gañar unhas eleccións, e que se ve sobrepasado pola situación que estamos a vivir. está inhabilitado para seguir gobernando o noso concello.

Asdo: Xosé Manuel Fernández Abraldes

https://noticiasbarro.wordpress.com/2011/05/12/promesas-de-landin-para-os-proximos-4-anos/

Deixar un comentario