A Deputación mellorará o viario entre Mane e Rebón, en Moraña

REDACCIÓN – MORAÑA A Deputación acometerá obras de ensanche e mellora do trazado da estrada Mane-Rebón, co obxectivo de mellorar a seguridade viaria e a comunicación con Moraña, Barro, Os Milagres de Amil e Pontevedra. Así o anunciou onte o presidente deste organismo provincial, Rafael Louzán, durante unha visita á parroquia de Rebón na que presentou aos veciños o anteproxecto das obras. Estivo acompañado pola alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, e polo delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís.

Os traballos, que afectan á vía provincial PO-0503, incluirán unha modificación do actual trazado entre os lugares de Ou Parañés e Ou Vexildo, nun tramo que ocupa 912 metros de longo e que actualmente transcorre polo medio do puebo, de forma que son varias as vivendas que se atopan pegadas mesmo ao bordo da calzada.

O novo trazado suporá a eliminación de numerosas curvas e fará posible alcanzar un ancho de 9 metros, que doutra forma non se podería alcanzar debido á proximidade das vivendas e, tamén, á presenza do Pazo e da capela de San Roque, que se sitúan unha a cada lado da estrada, o que impide ensanchar a calzada sen que resulten afectados.

Louzán destacou que esta obra é necesaria e que se estiveron estudando varias alternativas de trazado, ata atopar o que, de acordo cos veciños e cos técnicos, considérase o máis adecuado. O novo viario terá un ancho de 9 metros, con dous carrís de 3,5 metros e beirarrúas dun metro cada un.

Ademais, Rafael Louzán visitou a igrexa de San Pedro de Rebón, na que se están realizando obras de mellora que contan cunha axuda económica da Deputación de 20.000 euros, ademais da colaboración veciñal e da Comunidade de Montes.

As obras do templo parroquial permitiron a substitución do tellado, evitando así as pingueiras que se producían no interior da igrexa debido aos enormes danos que presentaba; o cambio de portas e xanelas e outros traballos de reforma interior, sobre todo de carpintería.

Deixar un comentario