O Xurado de Expropiación de Galicia resolveu a concesión de indemnizacións que suman máis 46.000 euros a unha relación de seis propietarios de parcelas e bens particulares intervidos para poder executar a obra de construción do chamado macronó viario en Curro, entre Barro e Meis.
A resolución coñecíase nos últimos días e afecta a chan integramente
situado no termo municipal meisino. Trátase dunha das relacións con maiores indemnizacións dende o inicio do goteo pagamentos de prezos xustos aos titulares de bens intervidos para esta obra.
O acordo de fixación dos prezos compensatorios por bens intervidos foi remitido aos interesados nos últimos días, ademais da correspondente inserción no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOP).
Entre os seis propietarios de terreos en cuestión, o importe dos pagamentos de compensación varía entre os 3.174 euros para o que percibirá menos ata os 28.951 para o propietario que recibirá a suma maior, en función do ben e superficie afectados.
A resolución do Xurado de Expropiación pon fin, así á vía administrativa por estes bens intervidos. Os afectados aínda poderían interpoñer recurso contencioso administrativo ou de reposición se consideran insuficiente o aboamento ou non comparten algún aspecto do proceso.
Pola súa banda, seguen adiante as obras de construción do chamado macronó, que afrontan a considerada fase final dos traballos para a súa conclusión prevista cara a final de ano. Dende hai uns meses, compaxínanse os traballos coa apertura parcial do nó ao tráfico. Deste modo, a macroglorieta de 200 metros de diámetro funciona xa a pleno rendemento e tamén parte do paso inferior entre a autoestrada AP-9 e a Autovía do Salnés, aínda que restrinxida a vía a dous únicos carrís (un por sentido) dos catro que están previstos ao termo dos traballos. O paso superior, o elevado sobre a rotonda, corresponde ao único segmento construído da futura autovía Vilagarcía-Pontevedra, proxecto que quedou aparcado, ao igual que o chamado “nó pequeno” ou enlace menor, na estrada PO-531 entre a localidade arousana e a capital provincial.
As últimas novidades trasladadas dende a administración foron que ambos os dous proxectos quedarían en suspenso, polo menos, ata a conclusión do nó maior, obra considerada “prioritaria”. O primeiro tramo da nova autovía foi xa adxudicado, pero non hai data prevista de inicio de obra.