A insistencia veciñal capitaneada por Salvemos Barro serviu para que o
Ministerio de Fomento modifique o trazado do AVE Pontevedra-Ourense na polémica conexión co Eixo Atlántico ao seu paso polonúcleo de Porráns. O cambio consiste en eliminar esta ligazón por un situado máis ao sur, concretamente nas inmediacións de San Amaro.
Esta medida supón un traxecto máis curto, de menos duración e cun investimento de menor calado. «Vos dous viadutos previstos quedan agora soterrados. A boca do túnel sae máis ao sur para conectar co Eixo Atlántico», explicou onte Jaqueline Seijo, portavoz de Salvemos Barro, quen asegura que a modificación responde ao
«sentidocomún».
Desta forma, apenas haberá afectación no municipio de Barro. O pasado mes de maio, os membros da plataforma visitaron o Ministerio de Fomento en Madrid para pedir esta modificación, intentado convencerlles de que non só era máis económico, senón de menor impacto.
Da capital volveron co compromiso de que se faría un cambio do trazado e ao final do verán estaría resolto. O responsable de Fomento do anterior Goberno púxose en contacto coa empresa que facía o proxecto construtivo para buscar unha alternativa que evitase o paso por Porráns. Pasaron uns meses máis, pero «en novembro recibimos a confirmación de que estaba modificado e sería remitido ao Ministerio de Medio Ambiente», indica Jaqueline Seijo.
Na mesa do Concello
O novo trazado está agora no Concello de Barro e en todo os concellos afectados, pero non se abrirá a exposición pública. Ao ser só unha modificación no proceso construtivo e non un cambio de proxecto non é necesaria a súa apertura. Os concellos terán agora un prazo de consultas de vinte días antes de dar vía libre definitivamente ao novo trazado previsto polo Ministerio de Fomento.
Despois de máis dun ano de mobilizacións veciñais, a plataforma Salvemos Barro mostrábase onte satisfeita coa modificación do trazado do AVE Pontevedra-Ourense ao seu paso por Barro.
Finalmente, a reclamación cidadá logrou o seu propósito de soterrar o percorrido do tren de alta velocidade para evitar o seu impacto no municipio.