O BNG COMPROMÉTESE A APOIAR Á BANDA XUVENIL DE BARRO DESDE O GOBERNO MUNICIPAL

Non hai dúbida que a Banda Xuvenil de Barro é o proxecto cultural de carácter colectivo máis importante que xurdíu no noso concello. Éo por moitos motivos: pola cantidade de xente involucrada, polo seu carácter formativo, polo seu prestíxio e porque supón unha aposta decidida e de futuro pola xente nova de Barro.

A asociación da Banda Xuvenil de Barro naceu fai case 20 anos por iniciativa dun grupo de nais e pais do noso Concello. Con moito esforzo e traballo, e apesar de non contar nunca co apoio nin o recoñecemento do goberno municipal do PP, foi extendendo o seu labor, gañando prestixio e obtendo importantes galardóns alá por onde actuaron.

Pero máis alá do seu prestixio e bo facer deste grupo de mozas e mozos, a Banda Xuvenil desenvolve un importantísimo labor social, cultural e de formación de profesionais no noso concello.

O BNG, que desde o primeiro momento apoiou á Banda Xuvenil, ven de reunirse coa directiva da Asociación para coñecer as súas demandas e informalos das propostas que o BNG considera necesario levar a cabo para potenciar a formación e a cultura músical no noso concello.

Nesta reunión o BNG comprometeuse a:

–          Crear unha escola municipal de música, que sería xestionada pola Banda Xuvenil de Barro, que nestes anos xa demostrou o seu bo facer na formación de músicos.

–          Asinar un convenio polo que o Concello se compromete a aportar ingresos económicos á Banda a cambio da xestión da escola municipal de música e da realización de actuacións gratuítas no noso concello.

–          Habilitar locais de ensaio dignos, mellorando o que están a utilizar na actualidade e acondicionando o baixo da praza como local de ensaio.

–          Dotar ao Pazo da Crega, no seu andar superior, dun local multiusos no que se poidan realizar actuacións musicais, teatrais, e de calquera outra actividade cultural, mentres no noso concello non se constrúa un auditorio en condicións, como o que xa teñen outros concellos limítrofes.

Para o BNG a Banda Xuvenil é un proxecto estratéxico que o Concello debe apoiar decididamente, pois ademais do seu labor formativo, cultural, de socialización da xente nova, é unha verdadeira factoría de profesionais, que atopan na música a súa forma de vida. E nos tempos que corren esa saída laboral aínda cobra máis valor.

 

Deixar un comentario